Opinión

Libro de ler e desler

Non se penetra nas covas impunemente.

Cobregueando como unha serpe, arrastrando o corpo na lama para chegar ao fondo, entrei en 1983 na Cova do Rei Cintolo. Igual que na Gran Pirámide de Keops, é imposíbel acceder de pé ás cámaras internas. Cómpre dobrarse, encrequenarse, esvarar a rastro por un túnel tan estreito que só se pode atravesar deitada, como os nosos corpos ao seren transportados ao inframundo. Comparto coas autoras e autores do Tesouro espeleolóxico galego (aCentral Folque, 2022), o Clube Espeleolóxico Maúxo, os coordinadores Xavier Groba e Eduardo Méndez-Quintas, a poeta Alba Cid, o escepticismo cara ás lindes entre ciencias e letras. Que é, entón, este volume fermoso e inclasificábel? Xeoloxía, arqueoloxía, poesía, espeleoloxía, investigación bibliográfica, Libro de ler e desler "para romper o sono dos tesouros", berro pola preservación do patrimonio? Todo iso e moito máis. As covas, as furnas, os pozos, as simas son a porta de entrada ao espazo de intersección entre ciencias e letras, entre a lenda, o mito e as diáclases, os feldespatos. Son fendas polas que ascenden os fluídos, magmáticos ou narrativos, no primeiro caso orixinando as belísimas pegmatitas, que nos sorprenden cos seus desmesurados cristais, coas súas micas, turmalinas e berilos; no segundo provocando emocións nas que cristalizan coñecementos e amor á terra.

Hai unha representación popular que imaxina as rochas e os fenómenos xeolóxicos como inmutábeis. Nada menos certo: as rochas, os penedos, as covas, son o resultado dunha paciencia infinita, dun tempo medido en millóns de anos e son fráxiles. Para destruír a columna da sala dos Cirios do Rei Cintolo, na contracapa deste libro, chegaron uns golpes de martelo empuñado por un bárbaro. Noutros casos as covas son estragadas pola cobiza, o desleixo. Grazas por este libro de ler e desler que, di Alba Cid, fai visíbel o invisíbel.

Comentarios