Opinión

Leccións de Suráfrica

Se puidésemos facernos dun país por un tempo, eu nestes días quero ser surafricana. No futuro alguén lerá a historia do século XXI, do masacre de Gaza, e cando se pregunten como non alzamos a voz, Suráfrica redimiranos como seres humanos. A historia avergonzará a Occidente, como nos avergonzamos nós deles. A historia gabará a afouteza de Suráfrica defendendo a Palestina, acusando a Israel dos seus crimes, gabámonos de pertencer con Suráfrica á humanidade que aspira a un mundo máis xusto.

Imposíbel non sentir emoción ao contemplar a delegación surafricana, composta na súa meirande parte por persoas negras. Até 1990, ano da liberación de Nelson Mandela, o réxime era un brutal apartheid que negaba os seus dereitos ao 80% da poboación, reservándoo unicamente aos descendentes dos colonizadores europeos. Da delegación, presidida polo ministro de xustiza Ronald Lamola, forman parte Phindile Baleni, a primeira muller directora xeral do gabinete presidencial, e avogados como Tembeka Ngcukaitobi, todos eles de pel negra –non é adecuado falar de raza–. Ante o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia, Ngcukaitobi presentou declaracións dos políticos israelís afirmando explicitamente a intención de destruír Gaza e os seus habitantes.

A avogada Adila Hassim fixo unha relación dos actos que constitúen xenocidio, entre eles matanzas en masa de palestinos, incluíndo nenas e nenos, inflixir condicións de vida que levan á súa destrución como grupo, destrución dos seus fogares, privación de acceso a coidados médicos. Á delegación uniuse a avogada irlandesa Blinne Ní Ghrálaigh –que defendeu aos "Catro de Colston" que derrubaran a estatua deste traficante de escravos en Bristol– quen sinalou como o de Gaza é o primeiro xenocidio que é emitido polas vítimas en tempo real.

Sentimos orgullo desta lección de Suráfrica, o Goberno de España debe unirse á súa demanda.

Comentarios