Opinión

Italo Calvino, ligur

Italo Calvino, de quen celebramos en outubro cen anos do nacemento, pertence ao mandiño de escritoras e escritores que volvemos ler e reler pois sempre encontramos novas suxestións na súa obra. Cadra neste ano o seu centenario co día das letras galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego quen o inclúe, canda outros autores italianos como Pasolini, Moravia ou Pavese, no ensaio Letras do noso tempo, publicado en 1974. A vida e a escrita de Calvino seguen falándonos hoxe. O ligur era unha das súas linguas maternas, paterna neste caso, que empregan algúns personaxes dos seus relatos. Aínda máis, na introdución ao volume de relatos autobiográficos La strada de San Giovanni, fala do seu proceso de escrita cunha frase en ligur: "«D'int'ubago» desde o fondo da escuridade escribo, reconstruíndo o mapa do asollado que é só un inverificábel axioma para os cálculos da memoria, o lugar xeométrico do eu, dun eu mesmo do que o eu mesmo precisa para saberse eu mesmo". Aínda que a algunha xente lle custe aceptalo a pluralidade lingüística existe, Calvino falaba ligur, Pasolini escribía en véneto. Loitou contra o fascismo como partisano, adoptando o alcume de Santiago, probablemente lembrando o seu lugar de nacemento, Santiago de las Vegas en Cuba, e militou no Partido Comunista desde a fin da guerra até 1953. Unha empresa que o ocupou durante anos foi a recompilación das Fiabe, contos de tradición oral, nas distintas linguas italianas. Eu teño predilección polos relatos, a colección citada arriba, Ultimo viene il corvo, ou Baixo o sol xaguar, publicado postumamente, como o ensaio Por que ler os clásicos. E xunto a estes a súa primeira novela, O carreiro dos niños de araña, a resistencia partisana desde os ollos dun rapaz. Por que ler, en 2023, os clásicos, por que ler este clásico? Porque nos axuda a reconstruír os mapas dun lugar de luz desde o fondo da escuridade.

Comentarios