Opinión

Galicia: territorio de sacrificio?

Souben por vez primeira dos territorios ou “zonas de sacrificio” polas compañeiras de Chile. Na última década elas déronlle a volta ao termo, converténdoo nun berro de resistencia. Xurdido nos anos 70 nos Estados Unidos, caracteriza unha área suxeita a un deterioro ambiental extremo e que informes pretendidamente científicos da Academia Nacional de Ciencias, consideraban de imposíbel recuperación. O argumento era que esas áreas debían “sacrificarse” en beneficio do resto do país. En Chile, onde tivo lugar durante a ditadura de Pinochet un experimento neoliberal que eu prefiro chamar capitalismo de rapina, o goberno declarou zonas de sacrificio vales enteiros. Instaláronse xigantescos complexos industriais, con refinerías, centrais de carbón ou fundicións de cobre, como os da rexión de Valparaíso, saturando o aire e a auga de contaminantes, arsénico, estroncio, cloro, chumbo. A contaminación causa graves doenzas, deixou sen auga potábel e de rego a comunidades que vivían da agricultura. En 2016, as mulleres rebeláronse contra esta situación, constituíndo as redes de Mulleres en Zonas de Sacrificio en Resistencia.

Está converténdose Galicia nun territorio de sacrificio? Isto é o que se pregunta Consuelo Castro Rey no seu discurso de inauguración do curso na Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, centrado na protección xurídica da paisaxe. Alerta esta xurista sobre a concentración de impactos negativos, dano ambiental, degradación da paisaxe, exclusión doutras alternativas económicas, que levan á expulsión da poboación.
A escala local un dos últimos exemplos de carga que se pretende impoñer é a autorización, polo Concello de Santiago de Compostela, dunha gasolineira en Brandía, licenza que a veciñanza recorreu xudicialmente, logrando que fose admitida a trámite. Entre as prohibicións que incumpre o proxecto está a da proximidade a menos de 10 m dunha condución de gas, o que implica riscos de incendio e explosión. Alega a veciñanza fraude de lei, ao querer facer pasar por unha tenda de alimentación unha empresa de carburantes, e ausencia de solicitude de cambio de uso da vía de acceso. Un conxunto de irregularidades que non se poden ignorar.

Tomando exemplo das mulleres chilenas, debemos resistir a imposición de proxectos que sacrifican unhas áreas en beneficio doutras. A escala de Galicia ou das cidades, onde a vontade das empresas non pode constituírse na única lei.

Comentarios