Opinión

Futbolistas, xornaleiras

E aquí tendes o corpo das mulleres para o voso solaz. Aquí a carne das mulleres para facerdes dela segundo dispoñades.

Malia non estar escrito deste modo nas táboas da Lei, nos libros sagrados, está impreso nas historias, nos mitos que nos foron contados. Zeus viola a ninfas, deusas, mortais, unha e outra vez sen recibir castigo ningún: son elas as transformadas en vaca ou osa. No libro dos Xuíces da Biblia nárrase como uns homes de Guibeá cercan a casa dun veciño na que se aloxaban un levita e a súa concubina coa intención de violalo; para evitalo o veciño ofrécelles a súa filla: "Abusade dela", e o levita entrégalles a súa muller. Maltratárona toda a noite e á mañá caeu morta no lintel da casa. A quen é lexítimo violar e a quen non.

Con estes antecedentes aínda Rubiales e os que comparten con el a consideración do corpo das mulleres como un obxecto que poden usar, seguen sen entender que ocorreu para que unha nimiedade, un bico de nada, estragase a súa posición de poder, os seus ingresos millonarios. 

Nesta semana aprendemos que as ideas feministas están prendendo na sociedade –desde hai tempo, lembrarei que a AGM foi fundada en 1976–, que as futbolistas da selección son máis afoutas do que os machistas na cúpula do fútbol podían supoñer, que algúns medios non dubidaron en culpabilizar a agredida. Dá que reflexionar un chío das "Jornaleras de Huelva en Lucha", feministas e antirracistas: se un home pode facer iso sen importarlle que o estea vendo o mundo enteiro –din– imaxinade o que poden sufrir quen viven nunha chabola ou no mesmo campo onde traballan. O acoso é un andazo en todos os contextos e mulleres migrantes con contratos temporais ou as Kellys son especialmente vulnerábeis. A consigna "Acabouse!" resoa nas rúas e nos estadios de medio mundo, e a explotación destas mulleres, contrapartida de enormes beneficios, debe acabar tamén. Acabouse de vez!

Comentarios