Opinión

Feminismo e amorodos

As traballadoras da limpeza de Lugo acadaron unha vitoria, logo de 130 días de folga. Loitas como esta son asuntos dos que o feminismo debe ocuparse, estas traballadoras viron negados os seus dereitos debido a seren os traballos de limpeza e coidados asignados ás mulleres e considerados secundarios. A discriminación das mulleres non se debe a un meteorito caído do ceo, senón ao patriarcado, na época actual en alianza co capitalismo. Algúns discursos pretenden facernos crer que "todos" están a favor da igualdade entre mulleres e homes e en contra do sometemento. Non é certo, e abonda comprobar que as mulleres seguimos gañando menos que os varóns por iguais traballos, que os traballos feminizados son os de menores salarios, que as mulleres dedican o dobre de tempo que os homes ao coidado das fillas e fillos –segundo o CIS–, e case o cincuenta por cento máis ás tarefas da casa. E os mullericidios continúan.

O sistema capitalista aprovéitase de mulleres en situación de vulnerabilidade para explotalas. Cada pouco tempo hai denuncias das mulleres migrantes en Sevilla ou en Huelva obrigadas a facer xornadas inhumanas. Desde Galicia podemos apoiar a súa loita negándonos a mercar froita producida nesas condicións, por moito que nos gusten os amorodos. O obxectivo non é que pechen as empresas, senón que lles paguen os mesmos salarios que ás traballadoras españolas, que a xornada laboral sexa a de oito horas –que tantas loitas custou– que se encarguen de que mulleres e homes migrantes vivan en condicións dignas, e non en chabolas. Moitas desas empresas, e non é casualidade, utilizan pozos ilegais que están esquilmando acuíferos como o de Doñana. O capitalismo maltrata as mulleres e asemade o ambiente. Cómpre mudar os enfoques, comer o que se produce preto e na estación correspondente. Os amorodos non son para febreiro, e menos se levan marcas de semiescravitude.

Comentarios