Opinión

Feminismo: Adiante!

Desde os ollos das mulleres contemplamos o mundo cunha visión nova. O pensamento feminista, como o pensamento crítico, fornece lentes para ver con elas a sociedade e identificar as inxustizas causadas polo patriarcado e o capitalismo. As lentes violetas teñen a capacidade de limpar visións que permanecían embazadas e non, como algúns defenden, de trastornar a percepción.

Queremos mudar as leis e desde as últimas décadas do século XX conseguímolo en moitos ámbitos. Porén, tan importante ou máis que cambiar as leis é mudar as representacións sociais que aínda seguen atribuíndo ás mulleres menos dereitos na práctica e máis deberes, como os coidados. Representacións que consideran a pornografía como un modelo de relacións sexuais, que negan ás mulleres o dereito ao seu corpo.

A quen se deben os avances do feminismo? Sen dúbida á loita das feministas, ás mobilizacións, aos esforzos de persuasión que acadaron en tempos recentes maiorías sociais favorábeis ao cambio. Non en todos os países, non en todos os contextos. Ten algo de falacia o modo en que algúns partidos pretenden atribuírse estas vitorias parciais que, sen o traballo das feministas non terían lugar.

Cómpre recoñecer a partidos que ao gobernar mudaron as leis, o voto das mulleres grazas a Clara Campoamor do Partido Radical, o dereito ao aborto (antes en 1985) en 2010, a lei do matrimonio homosexual en 2005 e a lei de Igualdade de 2007 grazas á ministra de Igualdade Bibiana Aído e o Goberno socialista de Rodríguez Zapatero. Na última lexislatura do PSOE e Unidas Podemos, en 2022, as leis contra a discriminación dos homosexuais –e non só– impulsada por Pedro Zerolo e as de garantía da liberdade sexual e, en 2023, a de igualdade das persoas trans, impulsada por Irene Montero. Mais ningunha delas sería posíbel sen as loitas das feministas e da comunidade LGTBI.

O feminismo avanza, aínda que queda camiño por percorrer.

Comentarios