Opinión

Escorrentar turigrinos

Invoco o Xan Tuorum, Home Santo, ferreiro da Porta do Camiño que defendeu noutrora a veciñanza de Santiago contra o arcebispo Berenguel de Landoira, para que nos ampare escorrentando os turigrinos. Esta especie nova, a diferenza de viaxeiras e viaxeiros que se interesan por coñecer Compostela, a súa cultura, os seus espazos singulares, de peregrinas e peregrinos que percorren o Camiño aprendendo, parece ter por obxectivo facerse un selfie no Obradoiro. E de ser posíbel, gravarse en vídeo agredindo o patrimonio, escribindo as súas "fazañas" sobre pedras indefensas, gabeando por estatuas do século XIII que, infortunadamente, non poden responder cunha labazada, cociñando na propia praza do Obradoiro, e outras falcatruadas semellantes. Invoco o Mestre Mateo para que insufle vida ao coro pétreo e respondan dando croques na cachola dos túzaros. 

Invoco as irmás Fandiño Ricart, Maruxa e Coralia, para que coas súas cores e a súa retranca deixen en ridículo os fanáticos da Xornada Mundial da Xuventude, que presumen de cristiáns sendo máis ben unha versión cutre das Cruzadas; voceando a súa xenreira son o contrario da empatía e a compaixón da peregrina Exeria. Invoco o Gonzalo Torrente Ballester, que en Fragmentos de Apocalipse atribúe ás badaladas da Berenguela un efecto catastrófico, para que encerre dentro da campá a eses turigrinos que petan nas laxes e beirarrúas da cidade cos remates metálicos dos seus caxatos de trekking, enxordecendo a veciñanza co seu estrondo. E se me apurades moito chegarei a invocar o propio apóstolo, para que baixe desde o cumio de Raxoi co seu cabalo branco. 

O turismo debe existir en harmonía con quen habitamos esta cidade –e outras–todo o ano. Se produce tantos efectos nocivos, desaparición de pisos en alugueiro, lixo polas rúas, ruído a calquera hora, é que o modelo debe mudar. Iso ou termaremos da vasoira para escorrentalos.

Comentarios