Opinión

Eloxio da roupa tendida

Beleza das sabas tendidas ondeando ao vento. Son velas de navíos, restos de nubes, lugar de encontros amorosos. Detrás das sabas o riso da miña nai xogando connosco ás escondidas. Na entrada de Caminha, a finais do século pasado, había un descampado con paus e cordas de tender que na miña lembranza están sempre cheas de sabas.

Resúltame difícil entender a insistencia en ocultar actividades cotiás que fan posible a nosa vida, lavar, cociñar, case sempre realizadas por mulleres. Nas cidades hai prohibicións que impiden colocar tendais na fachada das casas, teoricamente por motivos de seguridade, aínda que nunca soubemos de ninguén a quen un peúgo romperan a crisma. Nas casas hai tendais en patios interiores ou en espazos xunto á cociña, mais tiven debates con algunhas persoas porque en pisos –por exemplo no que eu vivo– as fiestras translúcidas permiten adiviñar a roupa tendida, entre a que hai roupa interior. As construtoras propoñen instalar secadoras o que supón un meirande impacto ecolóxico. E o arrecendo da roupa secada o aire nada ten que ver co da secadora.

Quen sente vergonza da roupa lavada? Que representacións sociais nos inducen a avergonzarnos dela? O mandato é ir limpas mais facer invisíbel o proceso polo que se limpou. Un mecanismo semellante é o que conduce a agochar dentro dos móbeis da cociña os caldeiros do lixo. Non é doado ao ser cinco neste intre, papel, vidro, envases, orgánico (compostábel) e restos. Os caldeiros estiveron sempre na cociña, en Galicia separábanse os cotos da verdura, as cascas de froita ou ovos, a lavadura, para dárllela aos animais. Á vista e non ofendían a ninguén. Mecanismos deste tipo levan en Canadá e Estados Unidos a peixarías onde os peixes están descabezados, sen ollos, impedindo comprobar se son frescos.

Tiremos para fóra as accións ocultadas. Fagamos ondear as sabas como bandeiras dun traballo de coidados.

Comentarios