Opinión

Contarnos Silvaescura

Visitei o luns 14 a escavación de Silvaescura, en Soutelo de Montes, aldea abandonada no século XIX por razóns que se descoñecen. Esa noite, durmida ou esperta, soñei que era a última muller en marchar da aldea.

"Arqueoloxía" evoca templos perdidos en países distantes, tesouros custodiados por serpes pezoñentas. Porén, equipos galegos estudan o pasado recente, pegadas da Guerra Civil: Xurxo Ayán en Repil e Sputnik labrego na Cidade da Selva a guerrilla; Alfredo González Ruibal os campos de concentración; Celtia Rodríguez González aplica a perspectiva de xénero á arqueoloxía. A escavación de Silvaescura, dirixida por Cristina Incio del Río, do Incipit–CSIC, pretende recuperar a historia desta comunidade labrega, contarnos a nós o noso. Contarllo á veciñanza de Soutelo: sempre coas portas abertas. En ausencia de rexistros documentais, excepto dous litixios con Acibeiro, a arqueoloxía rescata e le os rexistros materiais, muros, anacos de potes, pesas do teito de colmo.

O abandono é un enigma. Debo a Ramón Facal a suxestión de que talvez se debese á desamortización dos montes en man común e "baldíos" en 1855, que desposuíu aos labregos de leña, pastos, terras onde cultivar. Agardando polas conclusións da campaña, imaxinei ou soñei ser a muller que percorría por última vez as fermosísimas corredoiras, entre valados cubertos de musgos e fieitas como un tapiz bordado, deixando atrás Silvaescura.

As bágoas anubrábanme a vista, atravesaban a miña pel mudándome en sal. Non podía volver a cabeza. Apartada de ti, que me espera senón murchar como árbore derraigada. Non haberá quen prenda o lume da lareira. Esvaerase o fume que asina a vida na casa. Todas as fillas naceron na casa, non nacerán máis. Todos os avós morreron na casa: roubáronnos a nosa morte.

Soñei que era a última muller en abandonar a aldea; acordei co nome de Silvaescura na lingua e sal nos ollos.

Comentarios