Opinión

Chora a serea

As sereas choramos, si. Choramos ao ver os mares maltraídos, quentes por causa da cobiza e o desleixo de humanos que guindan ao ar gases que levan a destrución no seu seo. Ao ver os océanos espoliados, sen peixes, sucios con betumes e aceites. Choramos tamén ao contemplar a masacre das xentes de Gaza; quen non chora diante dunha criatura morta debe ter seco o corazón.

Choramos as sereas bágoas tremelucentes que, sendo a mesma materia, únense ás augas salgadas do mar. Non choramos plástico. O lugar onde se cuñou o nome de "bágoas de serea" para esas cagallas (desculpade) de Moloch é, aínda estando no estranxeiro, da mesma especie que o despacho onde chamaron "fiíños de plastilina" ás ondas de chapapote. A súa orixe non está na dor, na tenrura, na compaixón, senón na cobiza e no desleixo. Cobiza que leva a fabricar ese tipo de material –que unha vez fundido acaba formando parte de roupa, trebellos de cociña, pezas de coches– en lugares moi distantes daqueles onde serán usados.

Cobiza, a súa única guía é o baixo salario, a explotación de traballadoras e traballadores. A orixe está no desleixo, que permite a barcos como o Toconao, cruzar os mares sen gardar as precaucións para que estes nurdles ou lentellas de plástico non acaben ciscadas no mar e nos areais de Galicia e de medio mundo. Tomar medidas para que os contedores non caian á auga é caro, supoño que dirán os propietarios, o armador alemán Schoeller, a arañeira de empresas de Chipre ás Bermudas, navegaba baixo a bandeira de Liberia.

Os danos ambientais nunca contan. As sereas secamos as bágoas, anoxámonos polo desleixo da Xunta que foi notificada o 13 de decembro e aínda agora "activa" o plan. Non é o primeiro vertido, en 2021 o naufraxio do X-Press Pearl guindou 1680 toneladas de pellets nas costas de Sri Lanka. Como en 2002 recollerémolo nós. E rebelarémonos contra a cobiza e o desleixo.

Comentarios