Opinión

Chile: morte á morte

Cincuenta anos. 11 de setembro de 1973, día que non esquecemos. Desde Chile a miña amiga Corina González Weil envíame un whatsapp do coro ao que pertence cantando a "Canción de cuna" de Gastón Soublette, músico chileno que colaborou con Violeta Parra. Esta cantiga de berce ten un significado especial para o coro; como parte das mobilizacións de 2019 saían cantar á rúa nas manifestacións, e o 3 de novembro entoaban a última estrofa: Duérmete tesoro mío / sonrisa de amanecida / tú le das muerte a la muerte / y le das vida a la vida, cando foron interrompidos polos disparos dos carabineiros, creando un contraste entre a letra do canto e os tiros. Pouco despois cheguei a Chile convidada a un congreso e obradoiros que, nalgúns casos, debido ás folgas nas universidades, transformáronse en conversas sobre a situación social e as propostas para mudar o ensino, unha oportunidade de aprendizaxe única. 

Morte á morte en Chile é moito máis que acabar cos herdeiros da ditadura de Pinochet. O golpe de Estado –e os documentos proban o que xa sabiamos, a implicación dos Estados Unidos– comportou asasinatos, torturas en lugares como Londres 38, un dos lugares de memoria de Santiago de Chile, xunto co Museo de la Memoria y los Derechos Humanos. Chile converteuse ademais no laboratorio das estratexias neoliberais, da redución brutal do gasto público en educación e sanidade –visitando os centros de ensino públicos compróbase– desviando recursos para os centros privados, e do neoextractivismo. A auga é propiedade privada. O rural foi espoliado, fechando vales en encoros para residuos tóxicos, como na bacía do río Choapa, ou instalando complexos industriais en Punchucaví, porque os habitantes debían facer "sacrificios". O camiño cara a unha democracia real, reducir desigualdades, dar voz aos pobos nativos, non é fácil, mais no Chile hoxe hai esperanza en dar morte á morte.

Comentarios