Opinión

Bipartito, tripartito

Unha exclamación unánime das xentes progresistas despois do 23-X foi: Zafamos! (pronúnciese "safamos", como se di na meirande parte do país; mais sobre o seseo e a gheada falamos outro día). Por frear a ameaza dun goberno de dereitas que pairaba sobre as nosas cabezas. En Galicia temos un motivo máis de alivio, as eleccións galegas serán no 2024. Hai por diante un tempo que, de ser ben aproveitado, podería valer para que as esquerdas convertan en escanos, nun goberno progresista, a maioría de votos obtidos nas xerais.

As primeiras páxinas dese relato por escribir deberían ser a aceptación por parte do PSdG, Sumar e BNG que ningún deles –de non ser que ocorrese un tsunami– poderá gobernar en solitario: será necesaria unha coalición. Non hai por que alarmarse: tivemos un bipartito de 2005 a 2009 e malia a súa brevidade puxo en marcha algunhas das mellores ideas das últimas décadas. Unha lei sobre as eólicas que favorecía á veciñanza –inmediatamente derrogada por Feijóo–; un banco de terras; un acordo para promover o galego no ensino; unha televisión galega da que non nos avergoñemos, entre outras.

Hai máis exemplos do que pode acadar a unidade, mais un sería mudar drasticamente a cor política de senadoras e senadores escollidos en Galicia: 12 do PP e 4 do PSdeG. Unha coalición para o senado dos tres partidos de esquerdas, de acordo cos votos do 23-X obtería tres escanos na Coruña –356.882 votos, fronte a 277.493 do PP– e tres en Pontevedra –316.019 fronte a 213.843 do PP. En Lugo e Ourense o PP segue en cabeza, mais a diferenza é pequena: 5.186 en Lugo, 3.780 en Ourense.

Que o Senado vale para pouco? Sen dúbida non cumpre a súa función de cámara territorial, mais á dereita válelle para bloquear leis. En Galicia, en 2005, houbo un movemento previo ás eleccións, "No nome da esperanza", para visualizar a vontade de gobernar conxuntamente. Ese é o camiño.

Comentarios