Opinión

Animais humanos

O propósito do ministro de defensa israelí, Yoav Gallant, ao chamar aos palestinos e palestinas "animais humanos" é deshumanizalos. Non pode ignorar que os nazis denominaron Untermenschen, ou infrahomes a todos os que consideraban de "razas" inferiores, xudeus, xitanos, e tamén eslavos e negros, en contraposición ao Übermensch, ou superhome ario. Coloco o termo "razas" entre aspas pois hai tempo que a bioloxía e outras ciencias consideran que todos os seres humanos somos da mesma. Desposuír ao outro, á outra, da humanidade fornece xustificacións para maltraelo, expulsalo da súa terra, matalo. Os nomes tamén son armas de guerra.

O racismo, infortunadamente, non é patrimonio exclusivo do Klu Klux Klan nin dos nazis. Tampouco ter sufrido racismo lexitima a alguén para exercelo contra outros. O ataque de Hamás é terrorismo, mais non pode utilizarse para masacrar todo un pobo. Temos memoria, lembramos que a creación de Hamás, islamista, foi impulsada por Israel para contrarrestar a acción da laica OLP. Non é unha sospeita, Andrew Higgins demostrouno en 2009 nunha reportaxe no Wall Street Journal. A historia repítese, un caso semellante é o dos talibáns.

As persoas somos animais, animais humanos. Moito temos en común cos animais non humanos, porén eles adoitan ser máis compasivos cos da súa mesma especie que algúns humanos. Un lobo pode loitar contra outro lobo polo territorio ou por liderar unha manda, mais cando un deles se considera vencido e ofrece a garganta ao vencedor, este non o mata. Mostra clemencia, unha virtude que ás veces botamos en falta nos humanos.

E dos gobernantes esperamos empatía, sensibilidade con quen sofre, defensa dos dereitos humanos. O noso corazón está en Gaza, nos hospitais onde as organizacións humanitarias resisten, nas nais que ven morrer os fillos e fillas, nas criaturas aterrorizadas. Con elas, con eles, somos animais humanos.

Comentarios