Opinión

Aborto: os corpos

O corpo da muller coas pernas abertas mentres outra introduce unha sonda. O sangue escoando. A dor. A perda. Os números non dan para a escrita lírica, seino. Porén digo: vinte e dous millóns de abortos clandestinos, no século vinte e un. Digo: corenta e sete mil mulleres morren cada ano a causa de abortos clandestinos, cento vinte nove mil cada día, cinco cada hora.

Repito, o século é o vinte e un. No tempo que emprego en escribir esta columna morreron cinco mulleres máis. As cifras son insoportábeis. Unha muller morta é demasiado, corenta e sete mil mulleres é o terror.

Neste país do primeiro mundo as mulleres podemos decidir sobre os nosos corpos. Noutros lugares non. Con todo hai tribunais constitucionais que se permiten adiar trece anos unha decisión sobre o aborto, mantendo a coitela suspendida sobre o ventre das mulleres. Aínda non hai tanto o aborto estaba prohibido na meirande parte de Europa, Annie Ernaux narra en O acontecemento os meses de angustiosa procura dun lugar onde abortar na Francia de 1963, o aborto mal realizado que dá con ela no hospital.

Dez anos antes, na Coruña, Mercedes Fernández morría a causa dun aborto clandestino –o terceiro, a causa da fame– historia que trasladei de século en As malas mulleres, pois abortar estaba igualmente prohibido en 1953 e en 1863. Cómpre unha cineasta feminista como Céline Sciamma para converter en Portrait de la jeune fille en feu (2019) a realización dun aborto por parte das dúas amantes nunha cálida escena de coidados do corpo dunha muller a cargo doutras mulleres.

Antes de chegar a esa agresión ao corpo que é o aborto, a educación, tantas veces negada ás mulleres, que evita embarazos non buscados. Antes, a educación dos homes que aínda cren perder a virilidade se poñen un condón. 

Os corpos das mulleres, desafiando a lousa das relixións, a moral imposta. Louvando a vida, defendendo a vida, libres. 

Comentarios