Opinión

Vergoña

Abertamente confésolle que eu  son así, d@s que aman os contactos e a proximidade. Non o podo evitar. É vergoñento, noxento quizais, mais eu son unha delas. Agardo unha semana para poñer as sabas ao sol. Aínda practico amor e sexo con euforia e melancolía. Como carne, froitas  e verduras tamén. Peixes?

Abertamente confésolle que eu  son así, d@s que aman os contactos e a proximidade. Non o podo evitar. É vergoñento, noxento quizais, mais eu son unha delas. Agardo unha semana para poñer as sabas ao sol. Aínda practico amor e sexo con euforia e melancolía. Como carne, froitas  e verduras tamén. Peixes? Claro, coñezo moitos.  Amo todo o que navega polo medio. E o recendo do mar. Son prehistórica e non me agradan as novas tecnoloxías do afastamento. Adoezo pola proximidade, por ese sol que queima sen fotogramas que o cuspan ata o paroxismo do infinito. Son filla da finitude, antediluviana. Estremézome só co roce dunha man, coa aperta sen emoticóns, sen cons que nos afasten do outro corpo. 

" Adoezo pola proximidade, por ese sol que queima sen fotogramas que o cuspan ata o paroxismo do infinito"

Cando camiño e tropezo, síntome viva; cando tatexo e erro, son inmensamente feliz. Gústanme, ás veces, as mulleres con gravata e os homes con fulares. Practico o puro vicio da coherencia, degrádome coa lóxica e coas boas argumentacións. Aspiro a tensar as contradicións ata zugar nas diversas harmonías que as superen. E non o podo evitar. Confésolle que eu son un pouco así, coleccionista das vellas causas afastadas da escena mediática. Desconecto a wifi sempre que podo rozar a intimidade e o máis penoso é que iso me agrada. Síntome enganchada á corporalidade e non o podo evitar. Non teño remedio nin curación posíbel. 

Devoro navegantes, engúloos con fruición e ben de gula. Saboreo as mans, os ollos, e todo o que teña carne e corpo. Non aturo o que para min é a non-vida, o non- vivir. Sentimental, si, absolutamente de acordo nisto último. Angúriome con asuntos banais, humanos, con fraseos políticos, cos berros nas rúas (cando os hai) cando veñen a saír  das redes que os sosteñen no letargo das conciencias. Admiro incondicionalmente a quen apertan a responsabilidade, os compromisos e todas esas amarguras e doenzas cerebrais das que tant@s adoitan afastarse. 

"Angúriome con asuntos banais, humanos, con fraseos políticos, cos berros nas rúas (cando os hai)"

Recoñezo que iso non é o que o presente agarda de min. Son tremendamente díscola e culpábel do que decido. Non aturo que decidan por min. Non o quero, véxome incapaz de tolerar a máis mínima intromisión no meu destino vital e no de calquera outro ou outra. Adoezo por sentirme ceiba e solidaria coa corporalidade, coa física dos corpos e dos pobos. Engulo tratados de revolucións permanentes e conciencias liberadas: corpos nús. Sobrevivo e respiro todo ese lixo sensorial. Debrúzome na terra calcinada de raíz e sinto que estou máis viva aínda. Recoñezo que non nacín para todas esas desconexións. Por moito que queiran intentalo, conmigo xa non poden. Este meu mal, disperso e plural, xa ben sei que non precisa cura.