Opinión

Unha loita pola vida: Altri, non

Galiza é protagonista dunha historia que está cargada de continuas e significativas loitas sociais, obreiras e labregas. Historias de derrotas ás veces e de vitorias moitas outras, sabendo que o pobo unido xamais será vencido. Desde as guerras irmandiñas, moito antes de que as labregas se levantaran en toda Europa, ou a golpe de badaladas cando dúas mil labregas se xuntan en Sobredo contra o pago dos foros berrando "a terra para quen a traballe", ou as labregas a paraugazos contra a Garda Civil na loita das Encrobas, ou o Xove antinuclear que moveu un país enteiro na loita pola vida. Ou o movemento Nunca Máis, as manifestacións feministas ou as doce folgas xerais dos últimos 30 anos... que demostran que non somos un pobo submiso, que sabemos berrar alto e claro cando fai falta. 

As labregas gañaron a loita contra a cota empresarial, o pobo enteiro gañou a loita contra a nuclear e Galiza é hoxe unha nación libre de nucleares. É por iso que, orgullosas do pasado mais tamén deste presente que construímos xuntas, non imos permitir que instalen no noso país outra pasteira que pon en perigo o patrimonio cultural e natural da comarca da Ulloa e doutras moitas terras que lindan con ela, como as Terras de Melide, Arzúa e Deza, que envelenará o río Ulla e a ría máis produtiva de Galiza, a ría de Arousa, e afectará directamente a saúde das persoas, da terra e á paisaxe. 

Cómpren políticas que aposten pola creación de emprego industrial digno, a sustentabilidade económica e social e que promovan o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, mais a implantación dunha macrocelulosa cun brutal impacto negativo tanto ambiental como socioeconómico non o imos permitir porque a instalación desta fábrica no corazón de Galiza, ademais de afectar aos recursos hídricos e ao medio natural, tamén afectará a un ben patrimonial como o Camiño de Santiago.

E por iso este domingo, 26 de maio, xuntas en Palas, berraremos Altri, non. 

Comentarios