Opinión

O perfect day do Celta

E finalmente Luis Enrique acordou. E Borja Oubiña volveu xogar no medio do campo, de verdade

E finalmente Luis Enrique acordou. E Borja Oubiña volveu xogar no medio do campo, de verdade. E todos os celtistas fomos felices. Fin.

Esta, baixo o meu modesto punto de vista, foi a chave do partido contra o Málaga. A partir desta decisión veu todo o bo que lle pasou ao Celta o sábado. Desde a súa chegada ao banquiño Celeste Luis Enrique decidiu retrasar a Oubiña uns metros e converteuno nun xogador moito máis defensivo do que estabamos acostumados. En moitas ocasións fixo o papel de último home, o que lle restou frescura a un equipo que non lle daba atopado o 'quid' ao Luis Enrique style. Pero o Celta, con Oubiña no seu sitio, facendo o que el sabe, movéndose no medio do campo e apoiando intelixentemente os seus compañeiros, é outro Celta. E si, creo que, a pesar dos malos días, este Oubiña é un home chave no once do Celta, fundamentalmente porque aínda non apareceu outro xogador capaz de aportar o que el aporta no terreo de xogo. Cando quedá atrás o equipo non é quen de encher o seu oco. E isto é problemático para un once que basea a súa idea do fútbol no xogo combinativo.

O Celta, con Oubiña no seu sitio, facendo o que el sabe, movéndose no medio do campo e apoiando intelixentemente os seus compañeiros, é outro Celta

E así todo funciona. Alex López está máis libre cara á portería e é quen de marcar as diferenzas do equipo con oportunidades e con tiros desde fóra da área que xa son marca da casa e que lle están a devolver a confianza que tantos grandes momentos nos regalou na segunda división. Ao final, os cinco goles son a alegría que o equipo precisaba para seguir adiante e a confirmación de que cando cada xogador xoga no seu posto o equipo funciona. Outra das novas positivas foi ese cero no marcador do Málaga que confirma a boa ensamblaxe da defensa coa novidade de Aurtenetxe ocupando o sitio de Toni na banda esquerda. A calidade de Augusto, Nolito e Charles fixeron o resto.

Como diría o grande Lou Reed, o do sábado foi such a perfect day. O martes fronte ao Barça repetimos

Comentarios