Opinión

Goles (do Celta) son amores

Catro meses sen marcar un gol en Balaídos son moitos meses.

Catro meses sen marcar un gol en Balaídos son moitos meses. Máis que gañar ou non, o preocupante é meterse nunha dinámica de sequía goleadora que acaba minando a moral dos xogadores e, sobre todo, dos goleadores. Ao final, homes como Charles, a pesar do seu compromiso co equipo e da súa implicación no xogo, viven dos goles. Son as súas espinacas e, polo tanto, necesitan delas para sentirse máis fortes e máis presentes no campo.

volveron os goles tolos, todos eses remates que non entraron na primeira parte, entraron na segunda, a cada cal máis bizarro

Os goles do sábado fronte ao Almería supoñen non só a primeira vitoria na casa, senón que animan o xogo do equipo con novos participantes. Orellana, un home descartado por Luis Enrique, reivindicou o sábado o seu lugar no once, marcando o primeiro gol e volvendo a levar o xogo do equipo pola banda esquerda. O chileno é un exemplo de que este equipo ten moitas posibilidades e de que Luis Enrique non vai renunciar a elas só polo feito de que un día pensou que Orellana non encaixaba no equipo. O sábado viu que encaixaría no enfrontamento contra o Almería e acertou, non pola victoria, como ben dixo el na rolda de prensa, senon porque creou perigo e movemento pola súa banda, mesmo Toni gañou en velocidade co chileno no campo. O seu primeiro gol foi o da autoestima e o que lle devolveu a confianza ao equipo tras recibir o mazazo que supuxo o gol do Almería.

Un remate ao pao por partido

Despois do gol de Orellana, o Celta subiu insistentemente á área rival, case sempre con perigo, pero unhas veces o infortunio e outras Esteban impediron que o Celta chegase ao descanso adiantado no marcador. O certo é que esa falta de sorte no remate estase a converter en algo común no Celta esta tempada porque case vai a unha media de un remate ao pao por partido.

Na segunda metade, volveron os goles tolos, todos eses remates que non entraron na primeira parte, entraron na segunda, a cada cal máis bizarro. Primeiro Oubiña, que case mete o balón na portería co corpo, e despois Charles, cun gol difícil de cualificar por como se produciu, e que a piques estivo de pasar a historia dos goles fantasma da liga.

Fosen como fosen os goles, o importante é que o Celta volveuse reencontrar coa vitoria en Balaídos e, de paso, conseguiu que algún deixase descansar os pitos polo menos por unha semana, para ledicia dos que os sufrimos.

Comentarios