Opinión

O Celta, Rumanía e as novas tecnoloxías

Declárome profundamente fan das novas tecnoloxías. Grazas a elas fun quen de seguir o partido do Celta lonxe das bancadas de Balaídos

Declárome profundamente fan das novas tecnoloxías. Grazas a elas fun quen de seguir o partido do Celta lonxe das bancadas de Balaídos. Moitos autores alertan do périgo alienador das novas tecnoloxías e aseguran que, cada vez máis, as xeracións vindeiras vivirán dun xeito máis independente, só relacionadas cos seus coetáneos a través do ciberespazo. E bendito ciberespazo! Ao final, esta preocupación era máis ou menos do que falaba Marshall McLuhan na súa idea da Aldea Global e do desenvolvemento dos Mass media. Pero non sexamos tremendistas. Sempre haberá 'peros' neste mundo e McLuhan nin nos seus mellores soños imaxinou a rapidez coa que a tecnoloxía se ía desenvolver. Probablemente se vivise hoxe coincidiría conmigo en que as novas tecnoloxías, ao final, facilítanlle a vida a celtistas acérrimas coma min.

Neste rincon da Rumanía moldava moi próxima a Ucrania onde me atopo, case me parecía impensable volver pensar en fútbol e no Celta

E estes días, mentres o mundo xira aí fóra, eu atópome en Rumanía, paseando e coñecendo lugares bastante afastados da realidade e da modernidade. Sen dúbida, bastante distantes da influenza dos medios de comunicación de masas. A vida semella detida no tempo e a xente leva un habitar pausado e sen presas. E hoxe, neste rincon da Rumanía moldava moi próxima a Ucrania onde me atopo, case me parecía impensable volver pensar en fútbol e no Celta. Un país este marabilloso no que cada rincon que recorres é unha nova experiencia e no que aínda non vin nin un só neno vestindo coa camisola do Real Madrid ou do Barcelona. Pola contra, levan lustrosas as súas camisetas e chándales do Steaua de Bucarest e da selección rumana, probablemente rememorando os anos gloriosos do seus ídolos Gica Hagi e Gica Popescu. Aínda así, non perden a ocasión de preguntar polo Real Madrid e o Barcelona ao falar de fútbol e no que descubrín, falando cun monxe ortodoxo perdido nun dos moitísimos mosteiros ortodoxos que percorren a xeografía da Bukovina rumana, que o meu celtiña ainda é coñecido por eses mundos adiante. Quedei cun sorriso ao ver que o Celta deixa afección por Europa adiante.

Grazas a estas novas tecnoloxías que me permitiron abrir unha fiestra ao noso mundo embarullado dinme de conta da realidade e, ao observar que todo segue igual e que ao Celta os cambios 'luisenriqueanos' sérvenlle máis ben para pouco, pechei o meu ciberespazo particular e volvín á miña realidade rumana. O xoves voltarei a abrir, a ver se as novas celestes veñen un pouco máis animadas desta volta.

Comentarios