Opinión

O Celta non sabe xogar con dez

De todos é sabido que agora a afección celtiña é máis txuriurdin que celeste, como aseguran as más linguas

De todos é sabido que agora a afección celtiña é máis txuriurdin que celeste, como aseguran as más linguas. Tendo en conta iso, a ninguén lle pode estrañar o resultado do pasado sábado en Anoeta. Non me digan que non foi unha táctica clarísima dun equipo que se deixa perder a propósito? Xa saben que hai que ir pagando as débedas pouco a pouco... se non como se entende que un equipo que fai o máis difícil de todo, que é remontar un partido que tiña moi costa arriba fronte a un rival que saiu ao terreo de xogo sen titubeos, acabe perdendo o encontro? Eu aínda lle sigo dando voltas ao asunto e á versión esta do agradecemento forever véxolle cada día máis posibilidades para xustificar a derrota.

Equipo desfeito

Bramas aparte, como se pode facer tan rematadamente mal para perder un partido como o Celta perdeu o do Sábado? E o máis preocupante non é perder o partido, a situación máis desastrosa é ver como un equipo queda absolutamente desfeito cando lle expulsan a un xogador, por moi medio centro que sexa. Iso é o preocupante, a falta de reorganización que sufriu o equipo cunha defensa de cinco homes inédita até o de agora, que no canto de defender mellor o resultado parecían sobrepasados pola situación. Sexamos serios. O que non pode ser, non pode ser. E se o equipo queda sin un home no medio do campo, busquemos un recambio natural, deixemos as experimentacións para outro día, por moi ben intencionadas que foran, e rematemos o partido o máis dignamente posible.

Os minutos que pasaron entre o empate do Celta e a expulsión de Fontás non existiron

Ao final a sensación que lle queda a unha no corpo é que o partido rematou do mesmo xeito que comezou, cunha Real Sociedad entregada e buscando o gol sen acougo. Os minutos que pasaron entre o empate do Celta e a expulsión de Fontás non existiron, foron só froito da nosa imaxinación.

E o remate da preocupación presentarase o vindeiro sábado en Balaídos se Borja Oubiña non se dá recuperado a tempo da súa lesión. Entón, 'corpo a terra', que, sen Fontás, medo me dá o que pode pasar. Prevexo unha nova versión das alineacións 'luisenriqueanas'.

Comentarios