Opinión

O 'balaidismo' rancio is back!

Os estadios de fútbol, en xeral, e Balaídos en particular, son uns sitios nos que sempre me preguntei porque non se facían máis estudios de conduta social

Os estadios de fútbol, en xeral, e Balaídos en particular, son uns sitios nos que sempre me preguntei porque non se facían máis estudios de conduta social. Son, sen ningunha dúbida, unha mina de datos relativos a comportamentos socias. Desde o/a amargad@ de turno que vai ao fútbol liberar tensións até o que ve no fútbol unha burbulla onde meterse para esquecer por un momento as súas penas vitais. Un pódelle gustar ou non o que chaman o deporte rei, pódelle parecer mellor ou peor, moral ou inmoral, que a xente gaste cartos que non ten en ver a vinte e dous rapaces correr en calzóns, pero o indubidable é que os estadios de fútbol son, entre outras cousas, espacios onde a xente expresa as súas ledicias, frustracións, filias e fobias sen reparo ningún.

Eses que apupan son os que non gastan saliva ningunha en empurrar cara arriba ao equipo cando vai mal

E Balaídos é ese lugar da realidade paralela do mundo futbolístico no que unha semana a meirande maioría dos afeccionados aplaude enerxicamente a Andrés Iniesta, xogador do equipo rival, e outra, como ocorreu o pasado sábado, queda afónica apupando a un xogador local e da casa como é Toni. O peor de todo o conto este é que eses que apupan son os que non gastan saliva ningunha en empurrar cara arriba ao equipo cando vai mal. O 'balaidismo' rancio is back! É absurdo en todas as súas facetas destrozarlle á moral a un xogador do equipo local como castigo a un suposto mal xogo. É absurdo polo feito en si, pero mais se temos en conta que cando veñen a Balaídos as estrelas do 'olimpo' futbolístico non chegan as palmas das mans para aplaudir. Non critico este feito, critico que non se entenda que a deportividade comeza na propia casa. Critico que se a xente ten un mal día, que desafogue de outro xeito, que hai moitos e moi variados. Critico que non se entenda que o camiño do éxito comeza apoiando o noso.

Desgrazadamente, parece que xa se abriu a veda ao apupo en Balaídos cando levaba xa anos fóra das nosas fronteiras. Eu non me alegro pero espero que, polo menos, lle sente ben ás/aos que o practican. E que sexan ben felices mentres o Celta perde diante das súas facianas.

Comentarios