Opinión

Un país meirande

É difícil celebrar ante a expectativa de catro anos máis de políticas do Partido Popular. Mais o feito é que, precisamente polo impacto desas políticas resulta case un milagre pensar no ascenso meteórico do BNG. As políticas de Rueda teñen como obxectivo reducir o país: menos autonomía, menos coidado da T/terra, máis dependencia, menos lingua, menos promoción da cultura propia.

Hai tempo, as persoas que cremos na identidade propia de Galicia, na nosa lingua como un valor, no noso pasado e medio como un elemento que protexer e coidar, non só que explotar, que cremos nos dereitos de todas as persoas como base desa cultura, sentiamos que o país cada día se facía máis pequeno. Quero dicir con isto que a sociedade semellaba máis hostil cada día á lingua que unha fala e na que escribe, o coñecemento da historia propia era cada vez máis inexistente, os referentes, alleos. Vivir e crear nese clima de indiferenza e/ou aberta hostilidade require dunha enorme dose de constancia e esperanza. De confiar en que o noso traballo é parte da semente dalgún cambio, por moitos atrancos que se nos poñan no camiño, por moito que teñamos que lidar con gobernantes que desprezan todo do que non poden tirar proveito.

É triste vivir nun país que non se valora. É triste sentir que este se fai cada vez máis pequeno, e ter que resignarse vendo que todo está en contra para que medre. Mais se algo ficou claro nestas eleccións é que o país medra. Que, fronte a todos os atrancos e o sementar na pedra clientelar do PP, o BNG con Ana Pontón á cabeza foi quen de implicar e de ilusionar, de facer que a xente queira "facer política", crear un país, crer que temos capacidade para ser donas das nosas decisións e recursos, para defender o noso medio.

E iso é fundamental. E penso que esa vitoria é a máis importante, a que nos anima a seguir adiante con orgullo, a deixar de sentir que ser nacionalista é algún tipo de estigma, cando o único que facemos é defender a vida e unhas bases xustas para todas as persoas nas que poder vivir con dignidade. Fronte a todo o ruído e o cemento do PP, hai catro anos para seguir sachando e ampliando un país de ilusión e potencialidades, un país baseado nos afectos e nas afinidades, e esa vitoria traballa non só na extensión do país que manifestan os votos, senón sobre todo na súa profundidade. E iso é o que cómpre realmente celebrar e gardar para seguir traballando cada día.

Comentarios