Opinión

O reflexo miserable

Hai momentos na vida onde se observan con claridade as liñas que separan o humano do non humano no sistema racista e colonial que vertebra as nosas sociedades. Por se non chegase co espectáculo de pleno horror que vemos estes días en Gaza, esta última semana producíase o falecemento de tres crianzas e unha muller xitanas en Vigo.

Vivimos nunha sociedade que contempla historicamente as comunidades xitanas como inferiores, como molestas, como ladroas e delincuentes sen pararse nunca a escoitar, a valorar maneiras de vida que conteñen saberes e, sobre todo, dignidade. Axiña o dedo acusador se levanta, non vaia ser que nos vexamos no espello que proxectamos sobre outras, mesmo con tres menores e unha muller mortas, para repetir os mesmos estereotipos racistas de sempre.

É moi doado para a opinión pública paya falar da xente xitana, por exemplo co tropo de que "non traballa porque non quere". E pregunto: a chatarra non é un traballo? Manter unha comunidade non é un traballo? A venda ambulante non é un traballo? Non será máis ben que reducir as perspectivas laborais dunha comunidade a certos sectores precarios ten máis que ver con que non as contratan noutras cousas, non lles alugan pisos, chaman a policía ou agarran o bolso cando pasan, non ofrecen oportunidades na escola –pero logo a culpa é da propia comunidade que tenta protexer as súas menores do racismo imperante!– que coas súas diversas habilidades e preferencias? Axiña descontextualizamos as vidas xitanas para non ver que na base dos seus problemas estamos nós, a xente paya.

Entre a mentalidade dun Estado que detesta a diversidade cultural (e lingüística, que sería un elo de conexión fantástico coas persoas galegofalantes, se non nos puidesen tanto os prexuízos) e o simple estereotipo racista de toda a sociedade transcorre o drama das persoas ás que ninguén tende a man.

Mentres o alcalde de Vigo e a "xente ben" miran para outro lado, non vaia ser que vexan o seu reflexo miserable nos actos que falan por si mesmos, as comunidades xitanas, Os Ninguéns, o Centro de Dereitos Sociais de Coia e outros colectivos traballan a reo para que a luz ilumine a desidia dunha sociedade hipócrita responsable de que morresen tres menores e a súa mai polo único delito de seren pobres e xitanas nunha sociedade de miserables e payos. Cúmprenos máis empatía, escoita e outra ollada. O valor de vernos nese espello e, só despois, tender a man.

Comentarios