Opinión

Implícitos

Hai contidos que se expresan de xeitos encubertos. Un deles ten que ver coa facilidade coa que os homes toman a palabra en público para expresar as súas opinións. Non é só xa que sexan a maioría de voces que reciben cartos por facelo, senón que dende pequenas ás mulleres e disidentes de xénero se nos socializa para aceptar o silencio e a inferioridade. Cando ollamos para proxectos (algúns ben recentes e supostamente “radicais”, que mesmo falan en feminino) e comprobamos que as voces maioritarias son de homes entendemos o evidente do afán de falar da masculinidade hexemónica e o pouco que se fai para combatelo.

Tamén, implícito nas estatísticas de dispoñibilidade de tempo entre homes e mulleres está o feito de que eles teñen moitísimo máis (ou iso parece) para andar comentando nas columnas de medios e en calquera espazo público que cree opinión.

Así, implícitos o prestixio e o tempo na masculinidade, as que non entramos nesa categoría acabamos a miúdo aburridas e aborrecidas de ter que aturar señoros a comentar todas e cada unha das cousas que dicimos ou facemos. É evidente que estar no espazo público consiste en formular ideas para o debate, mais as mulleres que falamos sen pseudónimos temos a miúdo a sensación de que o que se produce non é un debate, senón unha serie de reafirmacións implícitas do poder e estatus dos homes, eles que oh-todo-o-saben. Para dar un exemplo, a miña última columna.

Nos comentarios ao artigo aparece un señor recorrente que insiste en que as mulleres non participamos na política a menos que sexa para ocupar cargos que niso “bem que se apontam” (os condicionamentos sociais, por suposto, andrómenas vitimistas). Logo hai outro que me recomenda unha morea de artigos escritos por autoras dun lugar co que persoalmente non teño ningún vínculo pero que EL considera que debo coñecer. Finalmente, hai outro no que se destaca que só se pode ser feminista “se vives no terceiro mundo”, un argumento lamentable que levo anos escoitando, no que o implícito, ademais de pensar un señor que el ten potestade para decidir que debe ser o feminismo, é asumir que as culturas e espazos non occidentais están “atrasados”. Aquí non, que total a cifra de asasinatos, violacións e maltrato que se dan en Galicia e no Estado español para nada indican a necesidade de cambiar as estruturas sociais. Iso queda para as outras, coitadas.

Aburrimento de contido implícito e pouca reflexión.

Comentarios