Opinión

Espírito deportivo?

Como lucense, o Breogán, equipo que teño visto xogar ben de veces de pequena, foi sempre un motivo de orgullo e referente na cidade. Se cadra por iso o espectáculo lamentable de hai unhas semanas no que unha espectadora foi expulsada por amosar unha bandeira palestina durante o partido entre o equipo lucense e o israelí Hapoel Holon me provocou un rexeitamento tan visceral.

Sentín dalgún xeito que esa muller foi agredida nun espazo que nalgún tempo considerei propio e as imaxes lamentables nas que un matón ata lle arrebata a bandeira das mans permanecen na miña retina coa vergoña allea e a ira. Ata o punto de que non sei por onde empezar, pois esa man que lle arrebata a bandeira a unha muller que decidiu expresarse de forma pacífica ante un xenocidio que vemos cada día nas novas, está armada por argumentos de suposta neutralidade que, como ben sabemos, son o equivalente a poñerse sempre do lado dos poderosos.

Sen entrar a valorar que a resistencia pacífica é un acto lícito (co cal eses argumentos de que había unha norma... tamén as houbo para que as mulleres non practicásemos deporte, por poñer un caso) e que unha bandeira dun pobo oprimido e masacrado non pode nunca considerarse algo tabú ou prohibido (cando logo temos xente na cadea por tocar unha española), o que máis me preocupou foi o argumento de que hai que deixar a "política" fóra do "deporte".

Permítanme que me ría. Non hai nada máis político ca o deporte. O deporte, cando se practica dentro de estruturas divididas por estados, categorizadas por xéneros e orixes, regulado por organismos que manexan cartos, non podería ser un espazo máis político. Ou non é político decidir organizar Mundiais de fútbol en países que atentan contra os dereitos humanos máis básicos só porque teñen cartos (e non falo só de Emiratos e semellantes, nos Estados Unidos hai moitos estados onde non se respectan os dereitos das mulleres, das persoas trans ou racializadas)?

Paradoxalmente, o deporte é un espazo da vida pública con gran potencial transformador. Nese contexto, que mensaxe se lanzou na agresión á espectadora do Breogán? Que aprendemos, que cara colectiva amosamos, que valores se transmitiron? Se a deportividade se basea en algo é en instaurar nas persoas unha certa idea do que é xusto, o contrario de moitas situacións nas que, coma esta, o único que queda patente é a covardía: xusto o contrario de calquera espírito deportivo.

Comentarios