Opinión

O equilibrio virtuoso

En xeral non me sinto moi interesada polas teorías de homes pretéritos que preconizaban dende a súa masculinidade hexemónica branca o que era o mundo para todos os seres. Moito menos empatizo coa idea aristotélica do equilibrio virtuoso como unha posición equidistante entre extremos opostos, porque os extremos opostos adoitan ser a xustiza e a ignominia. Eu co racismo, o sexismo, a lgbtfobia, o imperialismo lingüístico e a explotación só quero a contra firme e o sacho na man. Aí a virtude. Aí o equilibrio.

Na procura daquela e deste, todas as mans e formas de expresión son benvidas. Todas as ferramentas que atopemos serán precisas para limpar a merda do mundo, parafraseando a canción que conclúe a fantástica "As que limpan", a recente produción d'A Panadaría. Esta obra que recomendo encarecidamente acompañar, atopa a virtude do equilibrio entre a pericia teatral, a comicidade e o compromiso esperanzador. A marca persoal da compañía á hora de facer teatro permanece nesta peza sen que sexa algo repetitivo, senón realmente a evolución dunha personalidade singular e única. Así, volvemos ter a rotación de papeis ou o uso de mínimos elementos cunha puntería certeira.

Na obra non só se nos traslada a través do humor a situación das camareiras de piso, senón que se nos abren portas á esperanza. Rimos con elas das miserias que entre todas producimos, mais non para quedar na hilaridade, senón para incitarnos á acción. Dende hai tempo observo con atención o xeito en que as cadeas hoteleiras venden como supostos compromisos ambientais a precarización do persoal de limpeza, a quen pagan segundo os cuartos que teñan que limpar. Se as clientas deciden que non limpen o cuarto cada día, as horas redúcense e chegan os despedimentos e redución radical de ingresos. No canto de acabar cos produtos tóxicos que son malos para as limpadoras e para o medio, no canto de deixarse de tanta piscina e tanto campo de golf, no canto de utilizar a dixitalización para introducir apoios que reduzan as enfermidades musculoesqueléticas das que limpan, moitos hoteis tiran proveito dos corpos e recursos naturais coa nosa complicidade. "As que limpan" busca, sobre todo, romper ese ciclo; facernos pensar fronte ao lamento afastado de quen simplemente é, no mellor dos casos, espectadora. Interróganos, fainos parte da asemblea e da solución. E aí si, lonxe das equidistancias, atopamos o equilibrio virtuoso.

Comentarios