Opinión

Dereito ao descanso

O Artigo 24 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos reza: "Toda persoa ten dereito ao descanso, ao goce do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagas". Fronte a outros dereitos fundamentais que recolle a Declaración pode este parecer un asunto menor. Mais non o é. Nas miñas case tres décadas de traballo nos feminismos que se dan a man de Sur a Norte é este un dos principios que nos cómpre lembrar.

Pois con demasiada frecuencia as sociedades esquecen que o traballo doméstico, o activismo e os coidados son traballos e que as mulleres temos dereito ao descanso. Xa non vou dicir nada do asunto das "vacacións periódicas pagas ", un luxo para calquera persoa autónoma no noso país, pagas do peto persoal e en estado de lucro cesante. Como calquera dereito recollido na Declaración Universal, a súa constatación é produto do activismo de colectivos e persoas que, nos tempos da conexión permanente, renovan o seu traballo cada día. 

Porén, hai quen confunde dereito con privilexio. Fronte a persoas que buscan simplemente saír da rutina diaria, coñecer lugares novos ou non facer absolutamente nada, hai quen entende iso do "goce do tempo libre" como o dereito sen cancelas a molestar, destruír e invadir lugares. Ao hábito xeral de entender que divertirse é facer ruído, sen ter en conta as necesidades de descanso doutras persoas, engádeselle o comportamento vandálico de quen pon o seu cu por enriba de calquera cousa.

Entre as miles de persoas que se achegan a Galicia dende o cariño, o respecto e o interese, hai unha porcentaxe delas, en particular as que se concentran en Compostela, que pensan que teñen dereito a todo, a invadir o espazo público, a lixar, a facer ruído día e noite e a intoxicar cos seus cánticos cristiáns rancios. A presión turística é un problema ao que todo o territorio vai ter que enfrontarse ao incrementarse as temperaturas noutros lugares da península e do mundo.

E para iso temos que estar preparadas, cunha cidadanía que limite estes comportamentos e cuns poderes públicos que, por fortuna en Compostela, sabemos que teñen os ollos postos no equilibrio entre o benestar das habitantes, unha cultura aberta de acollida e un decidido afán de non permitir que os privilexios dunhas cantas persoas aniquilen o dereito da maioría a levar vidas vivibles nos espazos que construímos cos nosos impostos e faceres diarios.

Comentarios