Opinión

Comunidade incoherente

Para as que traballamos coas compañeiras do Sur na xustiza social, as hipocrisías da “comunidade internacional” non son nada novidoso. A reacción ante a defensa armada do pobo palestino contrasta tanto con aquela que se lle presupón e gaba ao pobo ucraíno que a comunidade internacional debería mudar o seu nome a comunidade incoherente.

Realmente, hai pouco que se poida dicir da ignominia da ocupación dos territorios palestinos, pois quen non oe é porque non quere. Temos suficiente coñecemento, resolucións da ONU e historia para entender que a situación actual parte de políticas coloniais dos estados europeos e de Estados Unidos que foron progresando ao longo do tempo cunha única vítima: Palestina. Todo o que se escriba fóra deste contexto non é máis ca un intento de xustificar o inxustificable.

Igual que pasa con outros pobos coma o kurdo ou o saharauí, cando criticamos o pensamento colonial, cando teimamos en revisar o pasado e o presente dende a óptica das Outras é porque ese pasado determina o seu presente. Non estamos a falar do Imperio romano, estamos a falar de decisións que se perpetúan a cada paso e que rematan no bombardeo sistemático, a ocupación, o asasinato, as violacións e un abuso de poder incesante cara a quen se nega a aceptar de xeonllos un destino determinado por quen nin padece os bombardeos nin a ocupación nin o asasinato nin a violación.

Neste contexto no que, ademais, se apoia dende todos os lugares a Ucraína contra o tirano ruso, a cousa xa supera o límite do tolerable. E por suposto que non digo que non teña lóxica apoiar a Ucraína, pois novamente estamos falando dun pobo soberano que tamén padeceu unha política de ocupación rusa igual ca a Israelí; igual ca a grega en Macedonia, igual ca a de moitos outros lugares dos que non queremos nin saber o nome. Mais un pobo (branco) é descrito como heroico e o outro (que casualidade, pardo!) é definido como terrorista.

Así, mentres nos venden que todo o pobo palestino é retrógrado, misóxino, homófobo (cousa que, como ben sabemos, non se dá en ningún outro pobo máis do mundo), o aparello militar non deixa de mover as súas rodas baixo as cales sempre aparecen os mesmos corpos.

É aí onde, dende a incoherencia da comunidade internacional temos que pasar á coherencia das comunidades que somos as sociedades civís. O noso apoio ao pobo palestino, no discurso e na práctica, é hoxe máis urxente ca nunca.

Comentarios