Opinión

As vidas tranquilas

Pasa o 25-N e contemplamos as diferentes caras da violencia de xénero, esa punta do iceberg dunha estrutura social desigual e daniña. O mundo literario non é excepción para nada disto. Xusto esta semana pasada asistín a un acto no que un escritor afirmaba que quería escribir tranquilo. É esta unha alta aspiración, mais dubido que el teña que ler nunca, por boas ou malas que sexan as súas novelas, comentarios como: "A escritora quere falar de si mesma pero non o fai con franqueza... Seguro que no futuro, cando a autora abandone a arela de facer novelas xuvenís coma esta, cando procure en si mesma a raíz e non a tona das súas experiencias, escribirá unha historia á altura da vida que viviu" (escrito sobre unha novela en absoluto biográfica nin "xuvenil" por unha persoa que non me coñece en ningunha calidade) ou "Son lesbófobo por pedir que os heterosexuais sexan tratados cun mínimo de xustiza, nas súas obras? Por queixarme de que os ningunea? Por dicir que o lesbianismo non é ningunha solución definitiva aos conflitos de parella?" ou "E, se chega a haber un -home hetero bo-, ese é Harper, que ten o pene como adorno e mesmo estima "sexy" que as mulleres non se depilen.... un home mutilado, creado para satisfacción dun determinado tipo de muller". Xa que podo dicir de cando sabes que rexeitaron convidarte a unha mesa literaria coordinada por un señor porque querían "unha máis nova" tendo eu naquel momento corenta e poucos anos. Dubido tamén que a este ou outros autores lles fagan entrevistas vacuas, sobre "a situación das mulleres (homes?)". Nosoutras nunca podemos falar das nosas obras, ou ninguén nos pregunta ou hai cousas mais urxentes.
E todo isto é só unha parte. A min encantaríame escribir tranquila, pero eu tamén fun agredida noutros espazos por ser muller e, cando volvo á casa despois da devandita mesa, recibo mensaxes de compañeiras acosadas e, pouco despois, do asasinato doutra muller. Se cadra, as "vidas tranquilas" son un privilexio que só será dereito cando todas as persoas, tamén os escritores, traballen pola tranquilidade do resto: deixando de facer comentarios misóxinos, deixando de pensar que a situación das compañeiras "non vai connosco", reflexionando sobre o mundo que crean os seus libros e facendo fincapé nos discursos, entrevistas e conferencias completas sobre a escrita propia nas escritoras que deberían de coñecer e recoñecer como referentes.

Comentarios