Opinión

Allos con bugallos

Comecemos polos allos: os conflitos non sempre son malos. En calquera vida laboral, tamén na escrita, hai momentos de desacordo. Desas tensións, de negociar, derívase a mellora de contratos de edición, unha maior remuneración, un mellor texto final. En calquera traballo, tamén, sempre hai prepotencias e xente que nos cae mellor ou peor. Hai situacións para as que podemos acudir ás vías colectivas, como as asociacións e os seus Libros Brancos.

Mais os allos non son bugallos. As circunstancias de calquera vida laboral non son o mesmo que falar de cando un poder institucional actúa contra traballadoras concretas. Hai unha distancia moi grande entre a negociación dun contrato ou un proceso de edición e feitos coma os relatados por Tati Mancebo no seu comunicado.

Falar desta segunda cuestión publicamente para unha traballadora require, ademais de ter probas substanciais, pois a primeira estratexia xa sabemos que vai ser deixala quedar de mentireira ou de tola, valor e resistencia para o que vén. E sabemos que o que vén será sacar de contexto e utilizar calquera cousa na súa contra. Que todo o mundo vai opinar sobre feitos que coñece de oídas. Que, ademais, hai un dano previo que de seu dificulta alzar a voz: e un risco material fundamental de perder o traballo. Calquera muller que se enfronte a un proceso deste tipo sabe que non temos case nada que gañar e todo que perder. Menos a dignidade.

Estes feitos teñen tamén outro carácter aínda máis grave cando se fala dunha empresa que se considera e é considerada unha institución cultural. Unha institución cultural de tantas inzada de homes e algunhas mulleres, sobre todo as que aceptan o credo interno (e lembro aquí a "inexplicable" ausencia de Queizán na RAG). Toda esta cuestión, máis ca un tema de números, é dun peso simbólico terrible, que fai que a palabra dos homes individuais sempre estea reforzada pola da institución. E, como ben explica o libro Cómplices, editado por Iria Vázquez Silva en Galaxia, a estratexia patriarcal institucional non é revisar, avaliar, reparar, senón culpabilizar a vítima e, con moita frecuencia, levala a ela a tribunais.

A presenza maioritaria de homes no mundo editorial galego é unha cuestión evidente e que se torna cada vez máis problemática. Non abonda con indicar, é tempo de facer. Porque mentres uns falan de allos e bugallos, a outras vailles o pan, a dignidade e a saúde no asunto.

Comentarios