Opinión

A lingua materna?

Non deixa de abraiarme a naturalidade coa que asumimos o concepto da lingua materna. Todas aquelas que nacemos en contextos diglósicos (ou migrantes) sabemos moi ben que moitas non teñen a fortuna de poder herdar a lingua galega das súas "mais". Moitas medran coa vergoña adquirida pola lingua propia, da que tivemos que desfacernos (as mais e as que non o son) con forza e determinación. Outras viven na indiferenza, na desidia e no desexo creado de identidades máis "modernas".

Para alén de todo iso, falar de "lingua materna" implica asumir que a transmisión dun idioma coma o galego é unha tarefa individual (obriga feminina, por moi metafórica que sexa), familiar ou privada e deixa fóra a importancia das políticas e, sobre todo, das comunidades.

A lingua na que nos expresamos é unha escolla política, mais non como a miúdo se nos sinala a quen só falamos en galego. Escolla política é ter que escoitar a persoas con clara fonética galega falar en castelán dicindo que só se animan a falar "cos velliños", que se "contigo no me sale", que se "el gallego nadie lo habla bien que ya mis abuelos hablaban castrapo” coma se houbese unha policía lingüística espreitando en cada esquina co dicionario da RAG (que, por certo, non constrúe as falantes, senón viceversa, somos as falantes as que construímos os dicionarios). Todo isto para non dicir que a escolla máis política en Galicia é falar en castelán. Tendo unha lingua propia que nos conecta co territorio, coa vida, co lugar, coa ledicia da foliada, coa modernidade, co futuro, decidimos deixar que esmoreza. Iso é política.

Igual que a idea de que, para podermos escoller unha lingua temos que saber falala e en Galicia só as persoas galegofalantes somos quen de falar dous (ou máis) idiomas, que ás veces se nos esquece que a escolla individual está vinculada ás políticas.

Gustaríame pechar co marabilloso poema de Susana Sanches Aríns no que fala do galego como a "língua vizinhal", "de pátio", "filial/ que mamã fala galego às netas/ porque fomos as filhas/ que lho metemos no corpo/ chegadas do pátio/ das vizinhas". Porque a lingua non só se herda, a lingua xermola nunha idea de comunidade xusta e digna na que as fillas podemos devolver ás mais o que as circunstancias sociolingüísticas lles arrebataron: unha liberdade de ser na lingua que se lles inculcou como bruta, inculta e masculina. É tempo de celebrarmos a lingua comunitaria, sen m[á]is.

Comentarios