Opinión

Trazabilidade cultural

Foi o querido compañeiro Emilio López quen me explicou, hai xa moitos anos, a noción de trazabilidade, aplicada ao gando convertido en alimento ou a outros produtos. Está fóra de toda dúbida a conveniencia de consumirmos alimentos de proximidade, que, tantas veces, temos de procurar con lupa. Recordaba María do Carme García-Negro en artigo recente que a frase popular “coas cousas de comer non se xoga” deberíamos aplicala no seu sentido económico e, tamén, no seu sentido cultural. Mais o que nos oferece o mercado (e toda a propaganda e a publicidade mediática e, ao cabo, política) impón hábitos de consumo perversos, contrarios a toda lóxica económica que favoreza e distribúa o que producimos (ou poderiamos producir). Así acontece cos kiwis, coas mazás, coas peras, coas noces, cos tomates, coas leitugas, até coas patacas... e un longo ronsel de produtos que poden chegar de Franza, de Chile, dos USA ou de calquer outro lugar do mundo no circuíto da globalización. Froita ben mareada no transporte, insípida a por de tempo na cámara frigorífica, a saber con que componentes químicos...

En uso libérrimo do termo, ocórreseme falar agora de trazabilidade lingüística e cultural. Levamos atrás de nós 40 anos de pretensa política lingüística e de política cultural de orixe e financiamento autonómico. Cal a súa trazabilidade? En 2004, por unanimidade, foi aprobado no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Na súa elaboración, sinaláranse “fortalezas” e “feblezas” do estado da lingua a aquela altura, definíranse obxectivos e especificáranse medidas normalizadoras concretas, isto é, correctoras dunha deriva que xa daquela oferecía dados moi pouco alentadores. Todas elas dentro do estabelecido na Carta Europea chamada das Linguas Rexionais ou Minoritarias (asinada como lexislación do Estado en 2001) e ao abeiro da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, aprobada como texto paralegal no Congreso dos Deputados e no Parlamento galego en 1996. Ubi sunt?

Que seguimento oficial se fixo daquel Plan? Que avaliación? Que progresos se poden rexistar? 17 anos despois, hai acaso algún ámbito onde se poda afirmar que mellorou, cuantitativa ou cualitativamente, a presenza pública da lingua galega?

Se trasladamos as interrogantes ao espazo cultural, o balanzo non mellora en absoluto. Podémonos perguntar: cantas obras do teatro clásico galego foron representadas?; cantos monumentos restaurados?; cantas compañías de danza hai?; cantos circuítos culturais de continuidade en funcionamento? Hai acaso ciclos de cinema portugués ou brasileiro como os que nos coubo ver hai 30 anos, téndomos estabelecido contactos fluídos coa Fundação Calouste Gulbenkian ou a Casa do Brasil de Madrid?

En troca, hai millenta iniciativas de asociacións non gobernamentais, ben positivas e meritorias, que traballan sen rede, nunca mellor dito, cun financiamento debido ás súas socias e socios, cunha expansión local ou limitada que precisaría dun outro amparo. E, mentres, a cultura oficial-xacobea convertida nunha xestoría de contratación de cantantes españois: pagarmos, por enésima vez, a nosa exclusión. 

Comentarios