Opinión

Diálogos estivais que talvez non existiron

O pequeno está mamando do peito da nai. –E logo, cantos anos ten o neno? –Ten catro. –E, daquela, cando o vas destetar? –Iso xa o vai ir facendo el; chámase lactancia a demanda, e é o que recomenda o noso pediatra; o abandono dos cueiros tamén debe contar coa vontade do neno: na escola infantil, ao ver que outros pequenos xa non o levan, pois... xa se anima a retiralo. –Ah... e que máis cousas fai o neno a demanda? Cómpre "negociar" co pequeno o que é unha obriga dos adultos? Non leva isto a crear adolescentes malcriados, que pensen que todo depende da súa vontade? –Perdoa, mais non entendes nada: é a pediatría e é a pedagoxía moderna as que así o aconsellan...

–E vós, tedes fillos? –Non, temos mascota... –Ah, un can? –Si tal, mais non che é un can calquera: é un pura raza, custounos setecentos euros... –Home, algunha avantaxe ten... Non che responde, podes mandar nel, a súa educación resólvese cunhas pautas limitadas... –Fai o favor, non nos insultes! –Nunca tal quixera..., é que me estaba lembrando daquela estampa de Castelao, a do home esfarrapado e sen bens nengúns... a de Cincoenta homes por dez reás: "O home que ten un can para ter alguén en quen mandar"...

–E ti, estudas ou traballas? –Non podo traballar, porque aínda non son maior de idade, e estudar, non estudo, porque é un coñazo... –E logo, por que estás tan enviso? –É que non teño pasta para ir ver o concerto de C. Tangana: andan as entradas en revenda a trescentos euros... –Pois eu coido que as deberían cotizar máis: a quiñentos euros, por exemplo, co deber de limpar o local... –Ti es parva ou que?! Vaite ao carallo!!

–E que me dis de a Xunta-Xacobeo actuaren como unha macroaxencia de contratación de artistas estranxeiros (perdoando polo de artistas, en moitos casos...) –Pois é normal, porque é o que quer a xente, é a música que lles gosta... –E as e os artistas galegos? –Hai que estar ao día, non tes idea do que se leva hoxe...

–Teño que perguntar a X se vai a...   –Pois chama por teléfono... –Non, que é invasivo; mandareille un WhatsApp... –Inva... que?! Como ha de ser invasivo falar como os bípedes humanos e deixar de o facer se se molesta, previo aviso?!

–O importante é educar en valores... –Pois non se vai educar en vicios, digo eu... Mais... que "valores"? Os do capitalismo, os do Estado e os do goberno españois, os da Unión Europea, os dos USA? –Non me marees! Sabes de sobra a que me refiro: civismo, xenerosidade, solidariedade, feminismo, ecoloxismo... –Ah! E iso é compatíbel co que acabo de nomear? Ou é só cosmético?

–"¡¡Y no me lo discutas, porque yo soy un profesional como la copa de un pino!!" –Pois, daquela, chamarémoste O Conífero..., non hai problema... Roma locuta, causa finita. –"¿!Qué dices de Roma?!" –Nada, "don´t worry, be happy!".

A cronista advirte que calquer semellanza do descrito con feitos reais deberase a simples coincidencia. O que si é flagrante –como hai centos de anos– é o anuncio dun dos actos da Romaria da Nossa Senhora da Peneda: "Eucaristia em castelhano, presidida pelo Bispo de Tui-Vigo D. Luis Quinteiro Fiuza", prelado cuxos apelidos son alemáns, como se ve, mais que seica debe honrar así a memoria excluente e represora do galego dos seus predecesores españois. Viva a modernidade da Igrexa Católica!

Comentarios