Opinión

Canto vale e canto custa unha foto?

Ocorréuseme o título deste artigo antes de ler o editorial deste diario –asinado por Alberte Mera– con que concordo plenamente. Así que as liñas que seguen serán a maior abondamento. Dá vergoña. E tamén pavor o espectáculo vivido en Madrid hai poucas datas, co gallo da cimeira da OTAN. O Xefe de Estado e o presidente do goberno español xa receberon a benzón decisiva e definitiva de quen tenciona ser Amo Universal. As fotografías, coa súa elocuencia, son impagábeis. Nunha delas, o presidente dos USA agarra fortemente o brazo dereito do rei, en imaxe ambigua: non sabemos se por decrepitude e necesidade de asir outro corpo ou por sinal de poderío amarrado: eu son o planeta, ti, o satélite submiso. Este, o rei, sorrí compracido. Nunha outra fotografía, publicada por este xornal a quinta feira pasada, a imaxe é incomparábel: en fila india, e por esta orde, Biden, Stoltenberg, Pedro Sánchez. A orde de marcha perfeita: USA, OTAN, España. Os mandatos otánicos, a pleno funcionamento. Xa coñecemos a versión humorístico-realista do refrán: as túas ordes son desexos para min. Aumento do gasto militar até acadar o 2% do PIB en 2029; máis dous destrutores na base militar de Rota; submisión absoluta aos designios do imperio, idioma incluído, claro está: "guerra de Putin", "ameaza rusa", "desafío chinés"; expansión polo "flanco sul", extensión ao Pacífico, "xornada histórica"... Mentres, no "flanco sul", morrían a eito africanos en fuxida do seu inferno. Mais... Marrocos actuou divinamente. Hai mortos de mortos, xaora. A imaxe terrorífica dos corpos amoreados transpórtanos ao masacre de arxelinos en París, hai sesenta anos, botados ao Sena e, por miles, deportados ao seu país de orixe. Todo moi civilizado.

Pola parte "frívola", a submisión á ranciada e ao tradicionalismo retrógrado tamén foi total. A cimeira estivo adornada coa presenza de "primeras damas" e "primeros caballeros", quer dicer, coas mulleres-homes dos mandatarios correspondentes. Que moderno. Que feminista. Os mesmos representantes do Estado español que consideran e tratan as linguas galega, basca e catalá como virus tóxicos, renden pleitesía pública ao inglés. A información dominante, mellor tomala como brincadeira: cumio histórico no cumio da arte, o Museo do Prado, cunha ementa en que se censura o nome da "ensaladilla rusa". De verdade, están ben da cabeza?

Alguén cun mínimo de realismo político ou un mínimo de obxectividade pode acreditar en que, ante semellante panorama belicista, militarista, expansivo, imperial, a Federación Rusa e a China van ficar quietas-paradas? Australia, Xapón, Nova Zelanda, Corea do Sul... son Atlántico Norte? É un delirio, e, nós, como galegas e galegos (repítome), xunguidos a este carro letal.

O valor e o custo. Supoño que o actual presidente español estará prefigurando un posíbel porvir como mandatario europeo e/ou otánico. O custo pagámolo nós: miles e miles de efectivos militares e policiais, máis  millóns de gasto cerimonial-protocolar, máis hipotecas para o futuro. A recomendación do teletraballo á povoación atinxida-bloqueada tamén é moi realista: que llelo digan ás sanitarias, cuidadoras, nais e pais, transportistas... e tantas-os máis. Mais... tranquilidade: España xa acadou "la cumbre de toda buena fortuna", parafraseándomos o autor de El Lazarillo de Tormes.

Comentarios