Opinión

A Muralla

De que Muralla falarei? Porque murallas –ou restos delas– hai moitas. Falarei da Muralla de Lugo, a muralla por antonomasia da nosa nación. Pretexto: os cen anos de ter sido declarada “monumento nacional” por parte do Estado, en Abril de 1921. O investigador e escritor Adolfo de Abel Vilela –que o sabe todo ou case todo da historia de Lugo–, nun artigo recente, dá conta das vicisitudes para conseguir tal estatuto de protección a tan significado sinal da nosa historia.

De 1895 data a primeira petición neste sentido proveniente da Comisión de Monumentos lucense. En 1913  fican prohibidas construcións apegadas á Muralla, mais, de facto, houbo derrubas directas (até con dinamita) e construcións arredor do seu perímetro. O alcalde D. Ángel López Pérez foi responsábel de agresións perpetradas neste monumento singular (a única muralla construída baixo o Imperio romano que conserva íntegro e transitábel o seu adarve, de algo máis de 2 Km). Rof Codina, a fin de paralisar a barbarie destrutora, baseada na necesidade de “abrir” a cidade, chegou a utilizar como argumento a carestía dos camións necesarios para poder cargar toda a pedra. Até cinco membros da Comisión de Monumentos, para facer chegar a súa petición ao ministerio, chegaron a mascararse baixo nomes falsos, simplesmente como viciños de Lugo (inexistentes), na solicitude do seu mantemento e das medidas de protección precisas para garantir a súa conservación.

Lembro como se fose hoxe o inicio (1972) das obras de devolución da Muralla ao seu aspecto orixinal, fin para o que cumpría, en primeiro lugar, a derruba de todas as casas e estabelecementos comerciais encaixados nela. Nesta decisión xogou papel decisivo Ramón Falcón, director xeral de Cultura naquel tempo. A Muralla “monumento nacional” xa o era, claro está, e non por casualidade os colonizadores romanos escolleron Lugo para erguela, mais só esta figura do goberno do Estado existía daquela para protexela debidamente e liberala da incuria destrutiva. No ano 2000, foi recoñecida pola UNESCO como patrimonio da humanidade. Quero lembrar que Cándido Sánchez Castiñeiras foi o primeiro en defender tal no Parlamento Galego. O labor de Branca Rodríguez Pazos e o Concello de Lugo, e de Francisco Rodríguez, no Congreso dos Deputados, con todo un movemento cidadán a favor, conseguiron esta distinción. Sei que houbo, naturalmente, máis intervinientes (rodeala de libros, por iniciativa de Luz Darriba, por exemplo): só menciono dous representantes políticos cuxo labor resultou fundamental no bon suceso da petición.

Viaxo agora á miña infancia e adolescencia. Cando viñan de fóra amizades a quen acompañabamos de paseo por Lugo, a rota incluía invariabelmente: volta á Muralla; visita á Catedral; Parque Rosalía de Castro; se tal, baixada ao Miño; Praza Maior e Círculo das Artes. “Circuíto”  debido a que? Non lles sei. No ensino regrado, non lembro que ninguén nos falase desta maravilla e da súa historia. Dereito principal que se nos concedía: ignorármonos, indiferentes ao noso pasado. E hoxe? Aprenden os escolares galegos (non só os de Lugo) que temos unha historia nacional específica?

Comentarios