Opinión

Un ‘Sermos Galiza’ con máis contidos e voces

As mudanzas chegaron primeiro a Nós Diario e, agora, é a quenda do Sermos Galiza, que presenta, a partir deste número, novas seccións e máis sinaturas. Nas próximas catro semanas, publicaremos todas as novidades do semanario para 2023. A renovación de contidos comeza nesta nova páxina 3, que nos permitirá ler os textos do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, da Premio Nacional de Poesía Olga Novo, do escritor de fecunda traxectoria Lois Diéguez e da empresaria e artesá Elena Ferro.

Acompañarán as dúas reportaxes e a entrevista da semana as seccións de libros, coas sinaturas de Tensi Xesteira, Manuel López Foxo, Inma Otero e Susana Sanches Arins, e música, con Belém Tajes, Olga Brañas, César Morán e Xurxo Souto, aos que se suman Lois Agrelo, David Regueiro e a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos. Tamén a sección semanal de cinema, a cargo do crítico de cinema Andrés Castro. 

“Andar e ver”, coa que o colectivo XEA leva máis de dez anos dándonos a coñecer toda a Galiza, terá unha periodicidade mensual. Un espazo que compartirá coa observación de aves á que nos convida o educador ambiental Ramsés Pérez, coa folla poética que comporá a patroa da Fundación Uxío Novoneyra Branca Novoneyra e coa difusión do patrimonio oral a cargo de Soledad Felloza e mais coas reflexións sobre urbanismo de Lázaro Armental. Ademais, cada catro semanas, seguiremos coñecendo o último sobre as exposicións de arte da man de Carlos Bernárdez e gozaremos das propostas gastronómicas de Anxo Fole e dos viños do espazo etnocultural Vide, Vide!

O autor do deseño destas páxinas e de Nós Diario, Pepe Barro, continuará facéndonos chegar o seu coñecemento sobre a historia do grafismo na Galiza, mentres que Manuel Xestoso seguirá publicando a crítica teatral e seleccionando a escolma de propostas escénicas do mes. Iago Valverde descubriranos mensualmente o mellor da arquitectura que se fai no país.

Con estas mudanzas, pretendemos que cada fin de semana chegue aos quioscos un Sermos Galiza máis coral, cunha pluralidade de voces e temáticas que atenda a diversidade creativa, coas novas propostas da cultura galega sempre no albo, mais tamén recuperando nestas páxinas a riqueza cultural do pasado, para traela ao presente.

Queremos facer de Sermos Galiza un semanario á vangarda que teña como norte a valorización das creadoras e creadores galegos, da cultura galega.

Comentarios