Opinión

Seminario de Estudos Galegos

Vicent, sucédense estes días na Galiza exposicións, xornadas, congresos, palestras e publicacións que conmemoran o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Unha delas está promovida por Nós Diario para divulgar o labor desta entidade, para recoñecer o traballo desenvolvido a prol da Galiza e para abrir novos debates que permitan fixar unha posición máis testada sobre as motivacións e obxectivos naquel país que aspiraba a ser outra cousa nos anos anteriores ao golpe de Estado de xullo de 1936. Neste sentido, é de agardar que o número monográfico de Sermos Galiza que distribuímos con Nós Diario contribúa a fixar unha visión máis precisa do SEG e achegue razóns para unha mellor valoración do seu labor.

O centenario da fundación do SEG é un motivo de satisfacción para as galegas e galegos. A celebración leva a honrar a segunda xeración explicitamente nacionalista, aquela que entrou na vida pública galega nos primeiros anos da segunda década do século XX que, nun tempo de refluxo para a acción política e hostil para o movemento nacionalista –como consecuencia da ditadura de Primo de Rivera impulsada polo monarca Alfonso XII–, ergueu unha entidade dirixida a estudar e investigar o país como un todo, situando Galiza como centro e medida de todo. En definitiva, un enfoque aínda demasiado ausente, pero cada vez máis necesario.

O traballo do SEG foi incómodo e os seus membros non dubidaron ao enfrontar o relato hexemónico no ámbito oficial e académico

A actuación do SEG confirma a vontade de existir da Galiza e isto xustifica a decisión de investigar aqueles aspectos centrais para explicar e transformar o país, ligándose coa liña aberta pola tradición anterior, aquela que arranca a mediados do século XIX coa segunda xeración protonacionalista e conectándose cos grandes movementos de renovación e impulso cultural e científico que imperaban no mundo. O traballo do SEG foi incómodo e os seus membros non dubidaron ao enfrontar o relato hexemónico no ámbito oficial e académico, onde Galiza era presentada como unha mera extensión do relato español.

Ademais, a existencia do Seminario de Estudos Galegos é, Vicent, un outro capítulo da historia de Galeusca. A entidade naceu mirando para o Instituto de Estudos Cataláns, fundado en 1907, e para a Sociedade de Estudos Vascos, con quen partillou proxectos e mantivo relacións e obxectivos comúns. Nos seus locais do compostelán Pazo de Fonseca, constituíuse Galeusca o 25 de xullo de 1933, nun documento redactado, na súa forma definitiva, polo seminarista e secretario de Organización do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda, e asinado polos dirixentes das organizacións nacionalistas de Catalunya, Euskadi e Galiza.

Infelizmente, a actividade do SEG foi suspendida tras o 18 de xullo de 1936; o seminario foi ilegalizado polo franquismo en 1940 e os seus bens foron incautados polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, capítulo galego do CSIC, unha institución fundada polo réxime de Franco para pór a ciencia e a cultura ao seu servizo. Ao tempo, 24 dos seus membros foron asasinados e outros 143 adherentes sufriron outro tipo de prácticas represivas como o cárcere, o exilio e sancións administrativas.

O labor comezado hai agora 100 anos polo Seminario de Estudos Galegos debe ser continuado. É de xustiza!

Comentarios