Opinión

Pórnos na pel

"Temos que ser empáticos e pórnos na pel dos falecidos e das súas familias, pero tamén temos que pórnos na pel das forzas e corpos de seguridade españois e marroquís e dos cidadáns de Ceuta e Melilla, que queren vivir tranquilos". Son as palabras proferidas onte polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Debería resultar sorprendente que un dirixente político dun partido que se considera progresista sitúe en pé de igualdade axentes con formación en defensa persoal e armados até a cabeza con civís que xogan a súa vida para atravesar un valado en busca dun futuro mellor. Mais o vergoñento acordo entre o xefe do Executivo e a ditadura marroquí fai esvaecer toda esperanza nun partido que, en política internacional, está completamente desnortado ou ten como norte o que ditan os EUA.

Para xustificar as cruentas imaxes de migrantes feridos, tendidos sobre o chan, aos pés dos axentes marroquís, Sánchez asegurou que nos últimos 12 meses rexistráronse oito "ataques violentos e organizados por mafias" -como se o Goberno marroquí non for mafioso- con "xente armada con garfos". Díxoo após a ONU determinar que tanto o Estado español como Marrocos fixeron un "uso excesivo da forza" no valado de Melilla nuns feitos que chamou a investigar e que considerou "inaceptábeis". Como inaceptábel é, ao respecto, a posición que defende o PSOE. Tamén o ministro de Interior defendeu a actuación "escrupulosa" das forzas e corpos de seguridade e salientou que no que vai de ano 2.000 gardas civís resultaron feridos por "asaltos violentos" nas fronteiras de Ceuta e Melilla.

A meirande parte dos migrantes que trataban a pasada semana de chegar a España fuxían dun conflito armado, o de Sudán, en permanente agonía, e cunha poboación que, sen ningún tipo de axuda exterior, padece a violencia e o masacre. Non hai que esquecer que a de Sudán do Sur é a maior crise de refuxiados de África e a terceira maior do mundo, mais, como sabemos, estas persoas, ao contrario que as ucraínas afectadas pola guerra, non son brancas con ollos azuis. A vida dos negros sempre vale menos en Occidente.

E, neste gran teatro que é a xeopolítica, vemos os "modélicos" países nórdicos comprometerse a pór fin aos controis á exportación de armas a Turquía e a deportar os exiliados kurdos para poder así formar parte desa alianza militar que estes días decide en Madrid fortalecerse para cumprir un papel máis agresivo na próxima década.

Comentarios