Opinión

O nacionalismo frea o PP

Martxelo, Vicent, aínda é esta semana de balances tras os resultados das eleccións municipais. Uns comicios que deixaron un panorama que volve evidenciar a dinámica propia das nacións sen Estado. O nacionalismo foi quen de deter o tsunami do PP. No caso galego, o PP subiu 4 puntos menos que a media estatal e o PSOE descendeu 2,4 puntos máis, á vez que o BNG aumentou 4,4 puntos. E, en número de actas, o BNG conseguiu 29,4% máis e o PP 8,1% máis, mentres que o PSOE caeu 15,6%. Todo o espazo nucleado ao redor de Podemos, IU e as mareas ficou reducido á mínima expresión, mantendo só a representación en Compostela (onde caeron de 5 a 2 actas) e en Ferrol (de 3 a 1).

As cidades déronlle as costas ao PP, o nacionalismo e a esquerda son dominantes no espazo electoral urbano

Máis alá de como se concrete finalmente a fotografía dos Gobernos locais, o nacionalismo e a esquerda son dominantes no espazo electoral urbano. As cidades déronlle as costas ao PP pois, exceptuando o caso de Ferrol e malia a suba xeneralizada, non consegue sumar para se facer cos bastóns de mando. A gran sorpresa da noite foi Compostela, pois por vez primeira unha alcaldesa dirixirá o concello: a nacionalista Goretti Sanmartín, que logrou pasar de dúas actas a seis.

En relación ás deputacións, o PP conseguiu darlle a volta a Pontevedra, onde logrou a maioría absoluta, mentres que en Lugo e A Coruña seguirán a gobernar o PSdeG e o BNG. É unha incógnita o que aconteza na Deputación Ourense, pois terá relación directa coa concreción do Goberno da cidade.
De extrapolarmos os resultados a unhas eleccións estatais e a unhas galegas, sabendo que as dinámicas dos tres comicios son moi diferentes, o BNG pasaría de 1 a 4 escanos, o PP de 10 a 11 escanos e o PSOE caería de 10 a 8. A respecto das galegas, o PP non lograría a maioría absoluta, facéndose co apoio maioritario da poboación o PSOE e o BNG.

A respecto do ultraespañolismo, que na Galiza carece de representación no Parlamento –sendo o único caso do Estado– as 35 candidaturas presentadas por Vox (Galiza conta con 313 concellos) obtiveron 1,4% do total e, por vez primeira, unha concelleira. Entenderédelo mellor se sabedes onde: Avión, na comarca do Ribeiro, o concello con máis cantidade de persoas ricas e coches de luxo por habitante que, no verán, acolle grandes empresarios mexicanos con raíces galegas.

Comentarios