Opinión

Mandan as eléctricas

Martxelo, Vicent, esta semana o Congreso dos Deputados aprobaba o real decreto lei 20/2022, un totum revolutum do Goberno estatal que tanto recollía a rebaixa do IVE para determinados bens considerados de primeira necesidade como a previsión da compensación -non sabemos a conto de que- ás grandes empresas eléctricas cunha partida extraordinaria de 2.000 millóns e mais a modificación da tramitación administrativa dos parques eólicos.

Tanto a compensación ás eléctricas con 2.000 millóns como a mudanza no proceso de tramitación dos proxectos de enerxía eólica mostran quen segue mandando e quen ten o poder: o oligopolio eléctrico. Preocúpame especialmente o cambio que deixa en mans das empresas o procedemento de autorización dos parques e que elimina as declaracións de impacto ambiental e a exposición pública, furtando a participación das persoas e sectores afectados -como o agrogandeiro-.

Xa hai 54 parques eólicos en espazo da rede Natura e as áreas de desenvolvemento eólico ocupan 107.000 hectáreas das case 320.000 protexidas

Esta modificación implica que os parques eólicos terrestres de máis de 50 MW, que son os que tramita o Goberno español, e que non estean situados en Rede Natura teñan barra libre. Supón algo así como deixar o 80% do territorio en mans das enerxéticas, pois na Galiza tan só está protexida con esa figura o 12% da superficie, unha porcentaxe que, de media, no Estado, alcanza o 27%. Ademais, neste espazo protexido hai xa 54 parques eólicos, segundo os datos do Observatorio Eólico da Galiza, e as áreas de desenvolvemento eólico ocupan 107.000 hectáreas das case 320.000 da Rede Natura -case un terzo desta figura, ocupada por parques eólicos-.

En 2011, a instancias da UE, a Xunta preparaba a ampliación da Rede Natura para incluír 100.000 hectáreas, mais como a protección do territorio non foi prioridade para o PP, 12 anos despois non se tramitou ese alargamento e, agora, para parte desas 100.000 hectáreas están a formularse proxectos de enerxía eólica.

Así estamos: Galiza exporta enerxía, non ten unha tarifa eléctrica diferenciada a pesar do impacto ambiental que soporta, e seguen a pórlle a alfombra vermella ao oligopolio eléctrico. Non esquezamos que hai ao redor de 300 novos parques en tramitación. É ou non un espolio?

Comentarios