Opinión

Máis que unhas eleccións municipais

A cidadanía está chamada ás urnas este domingo. Uns comicios que no caso galego van servir para medir a fortaleza da alternativa social e política ao PP, que en 2019 foi apartado do Goberno de todas as cidades e que só mantivo o control da Deputación de Ourense. Malia as diferenzas entre un e outro contexto político, as sondaxes e proxeccións electorais que se coñeceron durante a campaña avanzan un escenario nada propicio para a dereita, cun PSdeG á baixa pero que mantén boa parte do seu poder local e cun BNG á alza, convertido na forza que máis medra.

Os comicios deste domingo son o primeiro capítulo dun longo ciclo electoral cuxo remate está previsto para as eleccións galegas de 2024

As eleccións municipais na historia política da Galiza sempre foron máis que uns comicios de ámbito local. Se o éxito de Solidariedade Galega nas eleccións de 1910 evidenciou a crise do réxime da I Restauración e as de abril de 1931 abriron a porta á proclamación dunha República que os nacionalistas nunca sentiron como súa, os comicios de 2003 marcaron o final do fraguismo. Neste sentido, a ollada da opinión política galega para as votacións do domingo está posta na capacidade dun PP sen Feixoo e no grao de aceptación das propostas políticas das forzas da oposición.

Os comicios deste domingo son o primeiro capítulo dun longo ciclo electoral cuxo remate está previsto para as eleccións galegas de 2024, que o presidente Rueda pretende fixar para o 9 de xuño, coincidindo coas europeas. Unha parada chave vai ser o proceso estatal de finais de ano, onde a dereita política prepara o asalto á Moncloa, en base a unha maioría parlamentaria do Partido Popular e de Vox. A foto final desa batalla apunta a unha España claramente virada ás posicións ideolóxicas da dereita máis extrema, fronte ás tres nacións sen estado resistindo o embate reaccionario.

As eleccións galegas xa están á vista. As forzas da oposición na Galiza teñen un ano por diante para perfilaren as súas propostas programáticas e para acumularen forzas de cara á batalla de xuño de 2024. Todo apunta a que as locais deste domingo serán un bo punto de partida, mais as posibilidades de derrotar o PP precisan de confirmación e de capacidade para mobilizar o electorado máis crítico, situado na franxa de idade inferior a 40 anos.

Comentarios