Opinión

Galiza produce, Madrid aprovéitase

Levabamos meses agardando pola aprobación dos Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e, de novo, Galiza fica prexudicada. O 47% da área na que se poderá instalar a eólica mariña atópase na costa galega, un total de 2.350 quilómetros cadrados -con 200 caladoiros de pesca- dos case 5.000 para o conxunto estatal.

Comentábavos nestas páxinas a preocupación do sector marítimo-pesqueiro ante os diferentes recortes aprobados por Bruxelas. Voces autorizadas do sector, un dos máis punteiros da economía galega e que, a diferenza do que acontece co agrogandeiro, completa o ciclo de transformación na Galiza, ven detrás das políticas da UE os intereses do lobby enerxético. Un grupo de presión que, alentado polos POEM do Executivo español, seguirá a enriquecerse por conta dos recursos naturais galegos e á costa do sector marítimo-pesqueiro, que xa anunciou mobilizacións.

Iberdrola, Capital Energy, Ferrovial, Grupo Cobra, Bluefloat e Abei Energy, impulsoras dos nove proxectos de parques de eólica mariña formulados sobre a costa galega, son foráneas e pagan o Imposto de Sociedades fóra da Galiza. Hai quen se laia da marcha de Ferrovial para os Países Baixos e bota as mans á cabeza cando se reclama que as empresas situadas na Galiza e que se aproveitan dos seus recursos naturais, paguen aquí.

Sen ir máis lonxe, en 2022, mudaron a súa sede social a outro territorio 158 compañías radicadas na Galiza, das cales 70 marcharon para Madrid. E, falando de Madrid... Recada os impostos das grandes enerxéticas e non produce nin un só MW de enerxía eólica, como se na serra madrileña non batese o vento. Xa o dixo, e tanta carraxe espertou, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego: "Se Madrid quere enerxía, que coloque muíños na Castellana".

Pregúntome canto pagarán as eléctricas polo arrendamento do espazo para eólica mariña e se participarán as administracións públicas dos beneficios. As arcas públicas de Noruega e mesmo dos EUA ingresan substanciosas cantidades do que pagan as eléctricas por explotar os seus recursos naturais para as enerxías renovábeis. Sería de xustiza que Galiza, cos montes inzados de aeroxeradores, se beneficiase.

Comentarios