Opinión

Feixoo volve á casa

Chegou á Galiza desde Madrid en 2002 enviado por José María Aznar para pór orde nun PP galego asustado pola deriva do Executivo estatal. Atesouraba ás súas costas toda unha traxectoria en organismos públicos como o Insalud ou Correos, sempre baixo o acubillo dos sectores do partido ligados ao Opus Dei e, moi particularmente, do seu mentor, José Manuel Romay Beccaría. Porén, o central no seu retorno foi colocar no Goberno de Manuel Fraga unha persoa aliñada coas posicións máis extremas do partido e ao servizo da táctica de Xénova.

A súa primeira decisión como presidente foi a aprobación dun Decreto de plurilingüísimo que reduciu as horas de galego na escola

Martxelo, Vicent, como vimos falando neste Galeusca de Direccións e a diferenza do perfil "moderado" que trazaron medios e xornalistas 'progres' españois, a etapa de Feixoo na Xunta da Galiza destacou pola súa carga ideolóxica e pola aplicación dun programa neoliberal e de ataque á identidade galega na liña das propostas da FAES. A súa primeira decisión como presidente foi a aprobación dun Decreto de plurilingüísimo que reduciu as horas de galego na escola e que vetou o idioma propio para impartir materias como matemáticas. Ao tempo, acometeu unha importante reestruturación dos servizos sanitarios, aumentando as listas de agarda, incrementando os concertos coa sanidade privada e reducindo as prestacións na pública. Non é casual que a pobreza e a desigualdade se disparasen na última década, chegando a marcar máximos históricos as diferenzas entre as rendas do traballo e do capital.

Sempre tivo a cabeza e o corazón en Madrid. A totalidade dos seus movementos desde 2015 tiveron como obxectivo herdar a presidencia estatal do PP, primeiro agardando o dedazo de Raxoi e despois manobrando para debilitar e provocar a caída de Pablo Casado. Nesta lóxica explícanse as supostas diverxencias co equipo de Casado, o seu apoio fechado a Ayuso nos momentos máis delicados da madrileña e a subordinación dos intereses da Galiza ás decisións estatais. Efectivamente, como tanto gostaba de afirmar o aínda presidente galego, actuou durante estes anos "como representante ordinario do Estado" na Galiza.

Feixoo retorna de novo á súa casa, Madrid. Alí, agárdao un PP divido, cercado pola corrupción e preparado para dar un paso máis na súa relación coa extrema dereita. Non dubidará en avalar esta táctica, agardando formar Goberno con Santiago Abascal de vicepresidente.

Comentarios