Opinión

Estamos fartas de sermos unha colonia?

O pasado domingo, máis de 2.000 persoas rodearon os edificios centrais da Xunta da Galiza para reclamar un cambio de rumbo na política enerxética. A protesta, convocada polo colectivo Eólica Así Non, plataforma social conformada por máis de 100 entidades, demandaba un novo modelo "xusto, sostíbel, ordenado e ao servizo do pobo" e reclamaba pór freo á burbulla eólica.

Tres días despois, o Goberno galego aprobaba 75 proxectos eólicos que suman unha potencia total de 1.958 megawatts. Máis unha vez, as empresas favorecidas neste proceso teñen a súa sede social en Madrid, coa excepción de Greenalia, unha compañía eléctrica galega que conta no seu consello de administración con dous antigos conselleiros do PP na Xunta da Galiza, entre os que destaca a antiga responsábel de Medio Ambiente con Alberto Núñez Feixoo.

Avánzase na especialización produtiva da Galiza en materia de xeración eléctrica para fornecer de luz outras partes do Estado

Martxelo, Vicent, vouvos expor cal é a realidade: Galiza conta actualmente con perto de 4.000 megawatts de eólica terrestre en funcionamento. De feito, en 2022, exportou o 40,5% do total da electricidade xerada. As compañías eólicas ingresaron nese exercicio na Galiza 1.989,6 millóns, sendo os titulares de, practicamente, a metade da potencia eólica galega Iberdrola, Acciona, Endesa e Naturgy. 

A potencia eólica actualmente en tramitación supera os 15.918 megawatts, 7.200 dos cales son proxectados en 275 parques de 189 concellos. Ao tempo, están solicitados 4.695 megawatts de eólica mariña. Mais todo isto non implica riqueza para o pobo galego nin traballo de calidade, pois as 44 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza empregan só 40 persoas. Ademais, os concellos onde se instalan lideran a perda de poboación e as súas residentes presentan unha renda moi por baixo da media galega.

O deseño económico, amigos, está claro e non é novo. Avánzase na especialización produtiva da Galiza en materia de xeración eléctrica para fornecer de luz outras partes do Estado. Unha actividade de escaso valor engadido e de alto custo social. Está por ver se, como afirmaba Castelao, estamos fartas de sermos unha colonia.

Comentarios