Opinión

A opinión como pretexto

Unha cousa que me preocupa bastante é a tendencia a usar a opinión como pretexto para espallar odio, contradicir sen xustificación calquera feito probado, lexitimar discursos que atentan contra os dereitos das persoas ou, simplemente, responder con barullo a outra opinión ben fundada.

Os seres humanos adoitamos emitir xuízos de valor sobre case todo, xa que a nosa percepción do mundo non é idéntica. O concepto de beleza é un bo exemplo, aínda que non podemos esquecer que a nosa opinión sobre o que é bonito ou feo non depende só de nós, senón tamén doutros factores externos: desde as modas até os nosos hábitos de consumo modifican os nosos gostos. Mais o certo é que case todo é opinábel. E isto non é prexudicial. En realidade é bastante san podermos debater sobre case calquera cuestión con liberdade, achegando opinións diversas e incluso opostas, que poden estar máis preto ou máis lonxe unha vez que acabe o debate. Porque a opinión é dinámica, pode mudar co paso do tempo.

Normalmente todas as persoas temos claro que pode ser opinábel e que non. Resulta evidente que unha cousa é dicir que unha peza de roupa nos parece bonita, grande ou pequena de máis, e outra ben diferente é afirmar que non concordamos con que as moléculas da auga estean formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno. O coñecemento científico non está baseado en opinións, senón en feitos irrefutábeis. E, no caso de que se poidan refutar, isto deberá facerse por medio da experimentación, da investigación, non da emisión incesante de opinións contrarias. Por moito que lle queiramos chamar opinión á verbalización dun pensamento estúpido.

Os discursos de odio son simplemente iso: palabras perigosas con vontade consciente de ataque

Por outra parte, a liberdade de opinión asegura, en teoría, que todas as persoas poidamos verbalizar os nosos pensamentos sen temor a sufrirmos represalias. Outra cousa son as consecuencias que poidamos provocar no noso interlocutor ou interlocutora. As cousas que dicimos non son simples articulacións de cadeas de sons que fican penduradas nun espazo invisíbel do aire que nos rodea. A comunicación configúrase a través de actos e, como sabedes, todo acto ten consecuencias. Así, ao emitirmos o noso parecer sobre calquera cuestión imos tamén producir algún efecto sobre as persoas que nos escoitan. Se lle dicimos a unha persoa que pensamos que é moi intelixente, ou atractiva, ou se expresamos o aprecio que lle temos, probabelmente provoquemos unha reacción positiva. Porén, se emitimos un discurso cargado de odio e sen empatía polos demais individuos cos que convivimos o máis seguro é que a reacción non sexa positiva. E de nada vale dicirmos iso de “e que é a miña opinión”. A opinión non é pretexto nin escusa. Normalmente somos ben conscientes das cousas que dicimos e das consecuencias que poden ter, así como das diferenzas que existen entre un xuízo positivo e un xuízo negativo. E, alén dos xuízos ou pareceres, tamén sabemos ben cando os sons que están a saír pola nosa boca son ataques. Porque a palabra é acto e a palabra pode ser ataque, e tamén pode ser ánimo ou aloumiño, ou duro golpe ou lategazo. Desde o momento no que aprendemos a interactuar aprendemos a forza que poden ter as nosas palabras, para o ben e para o mal.

E, como dixen, a opinión non debe ser pretexto para o odio. A maioría dos discursos de odio que escoitamos da boca de persoas que están nunha posición que lles fornece un altofalante para chegar a moita xente adoitan centrarse en temas que non son ou non deberían ser opinábeis. Hai case un par de anos escribía Iria Veiga un artigo neste mesmo xornal baixo o título Os límites da opinión. Hai uns días relín ese artigo que volve estar de actualidade pois, en relación ao tema da transexualidade, afirmaba: “A opinión dun señor random dicindo que só existen dous sexos (quererá dicir xéneros?) e que os tratamentos hormonais son “perigosísimos” sería simplemente unha información errada e superflua”. Eu non podo concordar máis con ela: a contradición dos feitos obxectivos non é unha opinión. E os discursos de odio son simplemente iso: palabras perigosas con vontade consciente de ataque. Se teñen un pouco de decencia, por favor, que non intenten disfrazalos chamándolles opinións.

Comentarios