Opinión

Invisíbeis e precarias

Este 8 de Marzo sairemos á rúa pola valorización dos traballos de coidados.

Nacemos espidas. Precisamos nada máis nacer que nos alimenten, que nos limpen, que nos acubillen, que nos coiden. Sen coidados, nas enfermidades, nos accidentes, ou na vellez, non seriamos quen de sobrevivir, e o noso benestar veríase seriamente afectado. Todas as persoas precisamos no pasado, e precisaremos nalgún momento das nosas vidas dos coidados, mesmo para poder encarar a morte sen tanto padecemento. Pensar en que imos poder prescindir deles é vivir nunha farsa, porque tarde ou cedo a situación de privilexio que vivimos mudará e decatarémonos da importancia que ten o que até o de agora considerabamos un tema menor.

Sobra engadir que a meirande parte destes coidados son exercidos por mulleres. Na súa maioría, de balde, ou noutros casos con carácter retribuído. Así, a meirande parte da poboación considera “natural” que as tarefas de coidado sexan realizadas polas mulleres. Polo tanto un dos maiores desafíos que temos para abordar a desigualdade socioeconómica e política que existe, pasa por transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como coaccións sociais non percibidas como tales e que as persoas asumimos en moitos casos sen cuestionalos, ás veces en contra dos nosos propios intereses.

O coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas institucións públicas ou privadas e o mercado laboral

Falamos, por tanto, dunha violencia simbólica que nos leva a unha sobreexplotación abnegada das mulleres. Unha disposición feminina estimulada culturalmente que nos conduciu a unha desigualdade histórica, onde as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situacións de precariedade e mesmo explotación.

A sociedade galega precisa servizos de atención que os fogares non poden satisfacer. O coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas institucións públicas ou privadas e o mercado laboral. Cando falamos de socializar os coidados, falamos de asumir que este é un compromiso colectivo, responsabilidade na que a sociedade debe participar solidariamente.

As mulleres traballamos en espazos que non nos dan autonomía, non temos tempo para descansar nin para participar noutras actividades. E temos que recoñecer que normalmente todo o traballo doméstico que as mulleres deixamos de facer, porque traballamos fóra da casa, recae noutras mulleres, ás que se lles paga mal e mesmo sen acceso ás prestacións, ou ben recae nas abnegadas avoas que realizan ese labor “por amor”.

Faremos un chamamento a visibilizar o invisíbel, por iso moitas de nós levaremos o mandilón de cadros como símbolo e recoñecemento ao labor que moitas mulleres desenvolven

O traballo reprodutivo e doméstico é a base do capitalismo, porque é a forma na que se “producen” os e as traballadoras. Se o capitalismo tivese que pagar polo valor real que teñen estes traballos, non podería seguir acumulando bens, por iso os desvaloriza constantemente.

“Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”. Esta é a afirmación que aparece no lema que a Asemblea Galegas8m aprobou para centrar a campaña que nos levará á manifestación nacional de Verín o vindeiro 1 de marzo, como antesala das mobilizacións que percorrerán o país o 8 de marzo. Non pode ser máis acaída. Porque se hai un eixo na folga de mulleres no que atopáramos máis problemas para levalo a cabo, foi precisamente no eixo da folga de coidados. Atendendo a esta circunstancia, apostouse por centrar as mobilizacións nesa problemática e non facer un chamamento á folga de mulleres este ano, xa que de convocar folga laboral e estudantil nun domingo, só unha pequena porcentaxe de mulleres podería secundala, responsabilizando do paro en exclusiva ás mulleres que traballan en domingo, cando o que pretendiamos amosar coa folga de mulleres é o lugar baleiro que deixan as mulleres cando abandonan o que están a facer. Desta volta faremos un chamamento a visibilizar o invisíbel, por iso moitas de nós levaremos o mandilón de cadros como símbolo e recoñecemento ao labor que moitas mulleres desenvolven, como denuncia dun sistema que menospreza e desposúe de recoñecemento social e económico a quen está a soster a nosa sociedade

Comentarios