Opinión

25N. Por un traballo digno e sen violencias

Foi no ano 1981 cando o 1º Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe elixiu o 25 de novembro como data para conmemorar o asasinato das irmás Patria, Minerva e Mª Teresa Mirabal, por orde do ditador Trujillo na República Dominicana, convertendo este triplo asasinato nunha efeméride que representa o máximo expoñente da violencia contra as mulleres.

En 1993, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aproba a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra as mulleres, sendo a primeira vez que a comunidade internacional aborda de xeito explícito a alarmante dimensión que as agresións machistas e os feminicidios teñen a escala mundial.

Até entón, a meirande parte dos gobernos consideraban a violencia contra as mulleres un asunto privado entre particulares e non un problema xeral que afecta e conculca os dereitos humanos, requirindo a intervención dos Estados como responsábeis da protección, prevención, control, detección e sanción de toda forma de violencia por razóns de xénero.

A CIG centra a campaña deste 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, na denuncia contra a permisividade das empresas á hora de combater o acoso (unha das maiores manifestacións de violencia contra as mulleres no traballo), chegando mesmo a utilizalo como mecanismo coercitivo contra as traballadoras.

Baixo o lema 'Traballo digno e sen violencias', a CIG anima a todas aquelas persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de acoso ou violencia no traballo, a que acudan ao sindicato a asesorarse sobre como combater esta situación.

Malia a vixencia dunha lexislación dirixida a protexer os dereitos das mulleres, o certo é que os protocolos fican en papel mollado e non existe unha verdadeira cultura da tolerancia cero co maltrato, nin se impoñen sancións exemplarizantes.

Ao contrario, persiste unha cultura patriarcal que pon en dúbida a palabra da vítima, que cuestiona o seu comportamento, que fiscaliza a súa profesionalidade e resta importancia á situación vivida.

Como acontece co resto de agresións machistas, a denuncia vai en demasiadas ocasións acompañada dun xuízo paralelo onde a muller ten que demostrar que o seu relato é certo, que a agresión sexual, o acoso psicolóxico, a minusvalorización do seu traballo, a situación de illamento, a rebaixa de funcións, a sobrecarga de traballo, os insultos, as faltas de respecto, a difamación, a chantaxe, non son un invento da traballadora, senón unha vulneración dos seus dereitos máis elementais.

A CIG lembra que a violencia machista está vinculada a normas de xénero desiguais e a estruturas de poder socioeconómico, tanto no ámbito público como no privado, que contribúen a reforzar e perpetuar a desigualdade de xénero. No caso das mulleres, ademais, o risco de sufrir situacións de violencia no traballo multiplícase, sendo unha das causas máis frecuentes de incapacidade temporal e mesmo do abandono do posto de traballo.

Fronte a esta realidade, só coa presión das mulleres, do feminismo de clase, de organizacións sindicais como a CIG estaremos en condicións de combater esta forma de violencia exercida no traballo: presentando propostas, solicitando información sobre o seu uso, facendo seguimento e denunciando a inaplicación dos protocolos e a responsabilidade manifesta das empresas que exercen e consenten a violencia contra as mulleres nos lugares de traballo.

O 25 de novembro celebrarase na Coruña o Encontro Nacional de Mulleres de CIG no que se abordarán as múltiples situacións de violencia que sofren en cada un dos sectores de traballo, así como as resposta que o feminismo de clase ten para combatelas.

Ao remate do encontro, ás 12 horas, sairán en manifestación dende o Edificio Sindical até a sede da Confederación de Empresarios na Praza de Luís Seoane, sinalando a quen ten a responsabilidade de dar resposta a todas estas agresións e garantir que os centros de traballo sexan lugares seguros e libres de violencia.

Comentarios