Opinión

Tempo para ler

Reclamo tempo para ler, poodería ser o inicio dun manifesto, mais non o é, LV. É un convite para lermos nas aulas, sen escatimarmos tempo e en voz alta co alumnado, As chaves do tempo, esa pequena xoia que gozamos naquela fermosa colección de Edicións A Nosa Terra, Froita do Tempo, que agora chega ás librarías para comezarmos o mes de abril nunha nova e coidada edición, na Editorial Cuarto de Inverno, con ilustracións de Zaira Barcia. Si, Luísa, é para celebrarmos que esta novela breve, que leu naquela altura no 2001 alumnado do ensino secundario volva de novo ás aulas, para que se adentre no mundo medieval, no que foi ou puido ser ou non foi. Tamén é un convite para seguir celebrando o teatro e a Shakespeare, a Cunqueiro e a ti, xa que Edicións Laiovento acaba de reeditar o teu ensaio, O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral, a lúcida reflexión da que acordaramos daba para unha novela, tirarlles as máscaras, descubrir as persoas, que falan e se moven na corte de Elsinor, ademais dun elemento dramático, esta outra teoría de xogos ou ecuación, tamén é narrativa. Felizmente, a publicación de Laiovento, a única editorial que te publicou en vida e, en activo, e que segue a publicarte, permitirá a lectura; oxalá que o seu debate se propague e que chegue a todas as xeracións, para que a túa voz conte na actualidade do teatro galego.

Reclamo tempo para ler O libro das columnas, esa homenaxe que Edicións A Nosa Terra che fixo ao publicar todas as columnas escritas para o xornal, desde o 4 de xaneiro do 2002 até o 4 de marzo de 2024, na colección, Prensa e Criación, cun fermoso e motivo texto de X. E. Acuña, unha mostra da dor e do impacto da noticia que significou o teu falecemento. A obra vai publicarse na Editorial Galaxia e é de obrigada lectura para comprendermos o teu compromiso ético e político, para acompañarte nese teu estar no mundo dialogando cos acontecementos que che tocou vivir como cidadá, sempre desde a comunidade da que quixeches formar parte.

Non quero deixar de falar da gratitude que se che debía e que, desde A Nosa Terra, se che manifestou tan ben. No número 1.121, do 18 ao 24 de marzo do 2004, nas páxinas de cultura dáse conta da lembranza que de ti se fixo en Portugal, a publicación na rede de Incomunidade, co título de En amor da Luísa, iniciativa Alberto Augusto Miranda, o teu editor de Rota ao interior do ollo, que se volve incluír nesta homenaxe, cun estudo da obra de Fernando Martinho Guimarães e textos de autoría galega e portuguesa dedicados a ti. Tamén se anuncia a chamada a poetas de Verónica fernández para que no Día da Poesía se percorra Compostela nunha "Acción Poética Ambulante en Homenaxe a Luísa Villalta". Tamén se di que xa non poderás inaugurar o Abril dos Libros en Pontevedra. Pilar Pallarés dedícache a súa columna, Desconcerto do mundo. Na sección de Fin de Semana que partillamos, eu na miña columna prometín levar os teus libros desde A Cidade Alta até Bingen, e así o fixen, nunha viaxe que teriamos que facer xuntas.

No teu espazo, o que che tocaba nese número, o xornal publicou unha cita de As chaves do tempo: "E así vos digo que o sorriso aquel aínda se podería ouvir...". Convidaba a que se descargasen as túas columnas en formato PDF e aseguraba que: "As letras de Luísa Villalta, mantéñena entre nós". E así é.

Comentarios