Opinión

Mercedes Núñez Targa: Novas Latitudes

Na colección Mulleres de A Nosa Terra publicouse o libro Cárcere de Ventas (2005) de Mercedes Núñez Targa, asinaban a tradución Sira Vidal e Carlos Arias, acompañábase cun prólogo de Carme Vidal de alto valor literario, “Tinta vermella de Mercedes Núñez”, desde onde nos presenta á muller republicana antifascista que nunca claudicou; á presa do Cárcere de Ventas, que aceptou a obriga, de por vida, de contar todo o que vivira; á compañeira de Brígida, La Peque, á que a xornalista conseguiu localizar e entrevistou en Madrid para nos agasallar co seu testemuño e coa alegría de saber da sorte de Mercedes. Vidal volveu xuntalas neste relato que nos fai tremer. Moitos libros agasallei ás xeracións máis novas de Cárcere de Ventas, libros que aínda procuro, gardo para dar  a ler. Mercedes e Syra Alonso (autora de Diarios) publicadas nesta colección, necesarias as súas palabras, desde sempre ou máis ca nunca, difíciles de encontrar, rarezas descatalogadas nalgunhas librarías.

Unha moza unha vez preguntoume cal era a razón de que no Instituto puidesen ler o Diario de Anne Frank, que se lle falase del, que tamén lesen Cando Hitler roubou o coello rosa de Judit Kerr ou O neno de pixama a raias de Boyne e non coñecesen estes relatos impactantes das vidas de Mercedes Núñez, Mariví Villaverde, Syra Alonso ou Placeres Castellanos. A pregunta segue sendo a mesma: Por que coñecemos a represión exercida nos campos de concentración nazis e non sabemos nada (ou ben pouco) da terríbel represión sufrida por quen se opuxo á ditadura franquista, antes de Auschwitz?

A primeira edición de Cárcere de Ventas publicouna a autora no seu exilio en París en 1967, foi o primeiro libro que narrou as vivencias das mulleres nas cadeas franquistas, desde a identidade de presas, vermellas e mulleres. En 1976 dátase Abajo las dictaduras da compostelá Josefa García Segret que de terse publicado nese ano sería o primeiro sobre ese tema no estado, teriamos que agardar por unha edición da propia autora até 1982. Mercedes fora detida na Coruña, onde fuxira desde Cataluña, condenada a 11 anos por auxilio á rebelión, sae en 1942 e vai para Francia, convértese en Paquita Colomer e traballa na resistencia. Detida pola “Gestapo”, inicia unha odisea que a leva a Ravensbrük, o maior campo de concentración de mulleres, e deixará o seu testemuño no libro El Carretó dels gossos. Una catalana a Ravensbruck, (1980). A editorial Renacimiento en 2016 reuniu os dous libros baixo o título de El valor de la memoria. De la cárcel de Ventas al campo de Ravensbrück. A Mercedes Núñez enferma de tuberculose e escarlatina agardábaa a cámara de gas, salvouna a liberación do campo o 14 de abril do 45. Testificou en Carcassonne no xuízo contra o seu torturador René Bach. Hai uns días o Instituto Cervantes de Berlín rendeulle unha homenaxe e as súas obras traducidas ao alemán por Carsten Hinz, seguro han ser lectura de moita mocidade para que o seu compromiso avance por outras latitudes en que viviu.

Despois da morte de franco instalouse en Vigo onde faleceu en 1986. O triángulo que a identificaba como presa en Ravensbrük, formou no 2006 parte da exposición do Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galicia 1936-1977. Cando a volveremos ler en galego? Cando nas nosas latitudes?

Comentarios